Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

18.1.13

En tres sílabas: bar-ce-nas...

BAR, eses lugares que nos encanta frecuentar, porque nos dan familiaridade, acougo, unha dose de barrio ou de cidade cosmopolita, un pincho ou unha tapa que nos acougue a barriga ou unhas areas que nos suban á cabeza e nos fagan ver todo doutro xeito (e non é apoloxía do alcoholismo).
CE, non deixa de ser a terceira letra do abecedario, coma o terceiro irmán que vén ao mundo para ser mimado e o chichí de todos os demais, iso se non o segue outro e para aí a lista. O que leva as portas abertas para facer o que lle pete, bota anos na universidade e perpetúa a súa adolescencia ata os trinta ou máis alá. Vivindo, que non sobrevivindo.
NAS. Que podía ser o inicio do nastideplasti que xa non usa nin o apuntador, pero que a min me recorda á entrada do cine mercada por anticipado para ir ver o sufremamón, pensando que David Summers era con moito o meu ideal de home co que compartir o resto da miña vida, desde os 13 ata polo menos os 130 que penso vivir.
E todas as sílabas inocentes van confluír no apelido do home máis mencionado nestes dous últimos días.
Mentres unha boa parte da clase política nada entre as augas da honestidade e do traballo de ter que demostralo (agora supoño que senten o que sentía nestes últimos anos, por poñer un exemplo, o corpo docente, que tiña que ver como diario estaban na boca do mundo e dos xornalistas preeiros en particular), e outra parte pensa nese saber popular de "cuando las barbas de tu vecino veas cortar...".
A min a metade do que sucede neste paisiño paréceme surrealista.
E que inda por riba se pida austeridade, aforro, comprensión e ombro arrimado é que me deixa parva.
Así que nestes días decido ocuparme do local, que é o que máis me vén tocar a fibra directamente, pero vexo que me deprime case aínda máis ca toda a panda de mangantes que nos desgobernan desde as altas instancias.
O do enchufismo como xa non é novo, non me quita o sono, aínda que ver que tamén anda polo miúdo, polo básico, desmoraliza un pouco, a verdade.
O da mina de Corcoesto indígname, como tamén a lei de costas, a carta branca ás piscifactorías, a esquilmar os nosos recursos naturais e un longo etcétera de despropósitos que levan o carimbo do poder.
O da política lingüística, como me toca de cheo dáme cagarría.
Se tivésedes tempo, lede as estatísticas que ofrece Nel Vidal no seu artigo en Sermos Galiza. A comparación cos gastos de mantemento do iate de Amancio Ortega xa o di todo, non hai moito máis que engadir.
Eu na miña casa prometo que fago o que podo e máis.
Por min non vai quedar.
A política local por estes lares tamén dá para moito. O gran problema do pp nesta parroquia creo que é que fixo fichaxes potencialmente votables sen sopesar que a ignorancia ou o non-saber-ser-politico/a implica que as mentes que fichas non parirán grandes ideas en beneficio da sociedade (ou non coñezo ningún caso), senón que parirán grandes ideas de lucro persoal, e se o xefe gaña mil, eles quererán polo menos novecentosnoventaenove, e se o xefe conduce un A4, eles quererán polo menos un A3, porque, ai, amigo, se estás aí en parte é grazas a min...
Xa o dicía meu avo, aquí ninguén dá pesos a catro pesetas.
Así que agora a pagar as catro pesetas e con xuros, que se de algo sabe aquel que chega a sentar o cu nunha concellería ou nun escano é que os xuros é o que che permite ir engordando a conta, que despois se inviste en negocios grazas ao tráfico de influencias e que comezarán a xerar PASTA en maiúsculas.
O malo de moita política cativa é que o espello en que se miran é o que vemos todos os días nas noticias, o que di que se poden ter 22 millóns de euros nunha conta, regularizalos e branquealos, saír co teu gepeto en todas as canles e vivir nun ático de super-luxo...
Que vida só hai unha, e traballar duro é moi fodido.
Podendo non facelo...
Onte dicía que estaba queimada, hoxe podo dicir que o cheiro a chamusco me embriaga...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...