Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

22.1.13

Eu do que pase na miña casa non podo responder...

Menos mal que sempre nos quedaba o consolo aos que non pintamos nada no mundo de que, polo menos, na nosa casa eramos os reis e as raíñas.
Polo menos na casa á hora de comer coñécennos...
(mellor así)
O caso é que parece que ata iso era unha ilusión.
Hai xente que non sabe o que pasa na súa casa. Agora resulta que Bárcenas, Cascos e outro nutrido grupo de xente son coma eses fillos adolescentes que practican o sexting e as drogas brandas e Rajoy e Cospedal, matrimonio de (in)conveniencia, son os pobres pais vítimas dun mundo que avanza tan rápido que dá vertixe e que non se enteran de nada.
Ao final na casa non hai quen se decate de nada.
Os fillos agachan os porros nos caixóns, fúmanos pola fiestra, inundan todo con esprai matamoscas e os pais aínda chaman o 061 porque alguén entrou na casa e intentou intoxicar os seus pobres meniños.
E o botón do móbil vai só.
É por culpa da putería da interné (di miña nai). A culpa é dos avances, nunca de quen non sabe xestionalos.
...
No caso naseiro caeu o xuíz, no gurtel volveu caer (non o mesmo, senón outro, que parecía moito máis sólido) e neste, que non deixa de ser unha continuación destes dous, coma un monstro de tres cabezas que vai rexenerando o pescozo, vai ti saber se non acontecerá o mesmo.
Uns falan de conspiración.
Outros de xogada a tempo (porque o delito estará a piques de prescribir).
Outros de oportunismo político.
Outros de branqueo de capitais.
...
A min só se me antolla que definitivamente nos toman o pelo a base de ben.
Din que coa auditoría esperan limpar o nome.
Eu só lles podo cantar esa canción xa non sei se dos chichos ou dos chunguitos, que cantaba meu irmán cando probablemente non sabía nin o que significaba a "honra": el cristal cuando se empaña se limpia y vuelve a brillar, ni más ni menos, ni más ni menos, la honra de una mocita se empaña y no brilla más, ni más, ni menos, ni más, ni menos...
Deixando de lado o machistorro, retrógrado e chungo da letra da canción (agora non as hai moito mellores triunfando entre a rapazada, todo vén dar a unha cousificación das persoas, exaltación dun amor posesivo, agresivo e invasor, ataduras infinitas, suicidios por amor, un non vivir sendo un se non hai dous... vaia, para ir mexar e non botar gota, que o da honra superouse, pero co que se superou case me gusta aínda menos). Pois o dito, deixando iso a un lado, por moita auditoría que manden vir, o que xa foi xa foi, aquí ninguén vai crer que somos todos parvos, inocentes e traballadores.
O máis parvo é o que deseña os maletíns.
E o menos, o que os baleira para o seu peto.
Sei que é de mentes curtas o de xeneralizar, pero a mala hostia só me deixa conexións cerebrais contadas, o resto da cachola téñoo ocupado noutros asuntos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...