Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.1.13

Game change

Onte vin este filme sobre a campaña presidencial dos EUA en 2008 e como o equipo de McCain seleccionou a candidata para ser vicepresidenta, Sarah Palin.
Ata o de agora, a idea que tiña de Palin era que non tiña moitas luces, unha persoa normal que chegou á política upada por certo éxito na política local, onde lle funcionaba o face-to-face e o discurso nacional-relixioso para que as masas a adorasen.
A película deixoume ver unha imaxe semellante á que xa tiña, pero agrandada.
Creo que algunha vez xa falei da serie Newsroom, que sigo con interese, e que nos mostra como se manexan os asuntos de política (e outros) nos EUA.
Non vou facer, coma sempre, spoiler, e contar vicisitudes do filme, só que o recomendo, máis nada, porque vén confirmar o que moitos pensamos sobre como chega certa xente onde chega.
Pero a diferenza do que acontece por aquí, alí os media e a poboación máis ilustrada non anda con mindundadas, á parte do esaxerado de furarlle a súa intimidade e de deostala mordazmente (algo que tampouco me parece o ideal), danlle a traca que merece. Entrevistas, debates, comparecencias públicas... todo o que sexa preciso para que un candidato demostre que, á parte de ser unha estrela mediática, tamén é intelixente e sabe onde está e cara a onde quere ir (o que pase despois xa é fariña doutra muiñada).
Ben, por botar un conto.
Pregúntome que acontecería se no canto de se chamar Sarah Palin se chamase Ana Botella, Cristina Cifuentes... ou personaxes masculinos que tampouco me parecen moi lúcidos, coma Federico Trillo, Ángel Acebes... e podería nomear mil máis. Deses que cando os oes ou les declaracións súas pensas: ai mimáaaa...
Envéxolle aos americanos ese sistemiña de poñer a proba abertamente os políticos. Inda que despois voten xente que cre que os terremotos son os arrotos que bota o nososeñor cando ve que os adolescentes practican sexo...
Polo menos o que hai está á vista.
Non me estraña nada que despois da experiencia a mulleriña se unise ao Tea Party... ten que estar resentida non, o seguinte. Por certo, entrei na súa páxina e está recadando diñeiro non entendín ben se para demandar a produtora ou para conseguir parar o imparable, porque creo que ata premios colleitou o tal filme...
En fin.
Do xornal de hoxe quedo cun anuncio no Correo Gallego (é que hoxe só tiña libre o folletín parroquial cando baixei tomar un café), dun ximnasio ou empresa ou non sei exactamente o que, que ofrece as últimas prazas para aprender a xogar ou para perfeccionar o pádel en inglés.
O summum.
Nin en soños imaxinara tal deleite, xogar a pádel mentres o instructor me anima co go, go, go, up, up, up, stonger, stronger, stronger...
Isto meréceme un grandísimo MÁTAME CAMIÓN.
E do resto, todo igual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...