Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

31.1.13

I have a dream...

E nel non existen señores e señoras corruptas que nos levan a todos polo camiño dos despropósitos, obrigándonos a irmos agachados carretándoos para que non se lles lixen os pés.
Nin hai urdangaríns, nin infantascristinas, nin pobriñamiraparaelaqueéfeaperoveseboarapaza, nin mataelefantes, nin raíñassubmisaspolacontaquemeten, nin monarquía que protagonice conto ningún.
Onte cando chegamos buscar as meniñas á escola unha estaba disfrazada de bombeiro e a outra de princesa... aínda hai salvación, polo menos se seguimos tirando ao 50% algo amañarase o mundo.
Quédame o consolo de que polo menos a princesa non ten aínda asumido que non pode mudar o físico para que o vestido lle campe e mangou tres anacos de empanada de carne despois de ter comido o primeiro e antes de lle meter a sobremesa.
Seguiremos traballando no asunto.
No soño a xente con dedicación ao público e ao privado é honrada e pensa que hai que vivir e deixar vivir, e valora máis ter unha tarde para gastar no parque dando a comba que facendo horas para cobralas en negro. E todo é posible.
Que mágoa que os soños queden aí.
Que nada se vaia depurar. Que de nada se vaia aprender.
Que todo siga como estaba onte, e antonte, e antes de antonte... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...