Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

24.1.13

Os señores de Facenda

Teñen que estar flipando non, o seguinte.
Eu sempre lle tiven unha especie de amor/odio a facenda. Desde o día de "se cada español diera una pesetilla" da Faraona, comecei a comprender que era a espada de damocles que todos, absolutamente todos, teriamos constantemente ao longo da nosa vida.
Despois xa fun agrandando e vendo que non era tanto así.
Con todo, a pesar do que se me acelera o pulso cando chega unha carta con xustificante de recepción de facenda, creo na solidariedade e no que supón pagar impostos.
Iso a pesar das moitas caralladas ás que me vin sometida pola súa ineficacia e ineptitude nalgúns casos.
Pero agora só me espertan simpatía.
Sobre todo desde que estou ao tanto de que en realidade non fan máis porque non poden. Están vendidos pola lexislación arbitraria dos políticos e pola escaseza de recursos de que dispoñen.
Poden mandarme cartas a min, pero non a Amancio (amancio é amancio ortega, por se alguén non sabe que xa lle chamo directamente polo nome de pía).
O caso é que se ofrecen voluntariamente para revisar as contas e as contabilidades dos partidos. Creo que non se aceptou a súa proposta.
Case creo que se ofrecerían para moitas outras cuestións que sempre acaban nas mans de grandes empresas como PWH e outras moitas que se dedican a auditar, e que non deixan de ser empresas privadas que alguén paga.
E xa se sabe que ao final, o cliente sempre ten a razón.
É unha cuestión básica.
Pero a verdade é que o xefe que teñen nestes últimos tempos tenos que ter a todos cos ollos coma pratos. Mesmamente coma se fose o rei nu e todos tivesen que ver os vestidos ricos e aveludados.
Onte mentres comparecía (pártome) e explicaba (repártome) o da aministía fiscal (ai, ai, que mexo por min), eu, que non son moi dada ás contas, pensaba, como de tantos millóns a recadación queda tan cativa... ou as miñas matemáticas realmente son ridículas ou as contas non me daban.
Hoxe xa vin a explicación. En realidade o do 10% era para o diñeiro posterior a 2007, pero como non había que xustificar nada, a xente dixo que era anterior, a maioría, e outro pouco posterior, perfecto, así o que se recada é o 3% e non o 10%, porque iso que lle chaman prescrición (e non médica) xa se aplicaba con premeditación e aleivosía.
MÁTAME CAMIÓN
Foi unha xogada, como di o outro, redonda.
E por riba pon cara de "i'm the fucking boss", rise e afirma que é ridículo que se cuestione a política do sobre, do branqueo e de non sei canto máis.
A min por veces dábame gana de esganalo.
A miña solidariedade cos traballadores de facenda. Os traballadores da educación temos un xefe ignorante, incapaz e bastante cazurro, pero o seu faille a sombra á perfección.
A próxima vez que vaia facer a declaración voulle dar unha aperta de condolencia a quen lle toque facerme as contas, seguro que mo agradece e aínda podemos tomarlle un vaso mentres me canta as cifras, regodeándonos na nosa maldita mala sorte...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...