Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

16.1.13

Son un talento tan grande...

...que boto un peido e mátanse por intentar embotellalo.
E así nos vai.
A min o rollo de cazatalentos cazada para buscar novos talentos que pola súa vez cacen outros talentos...
Talento tamén era unha moeda do tempo de Cristo.
Igual o de cazar talentos vai máis pola vía de pescar pasta grazas ao tráfico de influencias.
E Urdangarín négao todo. Só era unha pobre alma cándida mirando polo ben das súas obras sociais.
E os chalés de 500 metros a nome de empresas dirixidas por testaferros profesionais.
Eu traballo de chapista.
Eu de testaferro, que estou máis ao quente e cúndeme moito máis. Onde vai dar.

Que asco de mundo.

Onte comecei a ver esta serie que levou globos de ouro e que supostamente me tería que encantar. Girls, chámase. Chupei 5 capítulos do tirón, para asegurarme que os premios son por algo e non por nada. En resumidas contas, 4 mozas estereotipadas: a lista-aproveitada dos pais, con formación, divertida, moi empática en xeral e coas amigas en particular, rechoncha e pouco exitosa nas relacións sexuais-amorosas, a guapa e preciosa inmaculada con mozo perfecto que se cansa de vida intachable e que quere mirar máis alá, a estudante aínda virxe á caza e captura de sensacións non vividas aínda e a experimentada e aventureira que parece que é moi moderna, pero que en realidade é unha pobre almiña con carencias afectivas graves que veñen parece que desde a máis tenra infancia.
Un denominador común, todas e case todos viven da moca, en pisos modernos, con vidas modernas e todo financiado por uns pais e nais incautos que non dan cortado a billa (algún vive aínda da avoa). Non é unha actitude de culto ao traballo, nin moito menos. E din dela que son os pensamentos e avatares dun grupo de mulleres a piques de dar o salto á idade adulta (todas andan polos 25).
Non é por mal, pero a esa idade xa se supón que o salto á idade adulta está máis que dado.
As situacións, lonxe de ser cómicas, son un pouco patéticas. O do sexo é inaudito, todos son uns frustrados raruzos con chuzos na cabeza que só se poden explicar se es americano, católico e levas unha vida con demasiadas horas de internet e demasiadas poucas doses de interacción real.
En resumo, unha merda pinchada nun pau.
Se lle deron premios, alégrome, pero deixa bastante que desexar que series boas non, o seguinte, como Breaking Bad e Treme (que si reflicten persoas reais con problemas e vidas reais e tramas serias, responsables, cribles e se me apuras ata realistas) nin sequera fosen nominadas.

Que asco de mundo.

Ou eu son a mosca branca, ou isto está dexenerando a pasos axigantados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...