Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

29.1.13

Un país de chiste sen graza

Estaban un francés, un alemán e un galego...
Se non fora que ao final o chiste sempre é prexuizoso e cheo de tópicos que non fan graza, acabaría de escribilo.
A min Fátima Báñez e todo canto sae pola súa boca paréceme de chiste ruín sen graza ningunha. A verdade é que cada vez que vexo unha imaxe dela en calquera medio axiña lle visto cofia, delantal, plumeiro e lle poño na boca un señoriiiiiiitoooo...
Estou comezando a confirmar que calquera mamarracho ou fantoche con liñaxe ou con débedas de favores pode acabar tendo na man o teu futuro.
A min hai cousas que me parecen escandalosas, pero hai outras que xa están ao nivel de que che quiten o fígado para facer foie. A virxe do Rocío debe ser a que está agora dálle que te pego á cabeza para sacar do manto contratos que poñan a xente nova a currar. Por catro perras e sen dereitos, non vaia ser que cheguen algún día a alcanzar unha vida ideal de coche a letras, casa hipotecada e fillos aos corenta porque antes non dá nin para prever e ter no colchón para eses posibles infortunios chamados cueiros, leite de fórmula e garderías (sen ir máis lonxe).
Ai, Fatimiña, se a xente adoita caer do guindo, ti caeches dun pexegueiro, deses que só dan pexegos cativos, duros e peludos, que máis parecen carolos e non froita. Un día que poida facer de tripas corazón póñome a investigar a santo de que chegou esta muller a ser ministra.
E mentres a realeza castiga a Urdangarín e quítao da páxina web. Pobriño, seguro que está desolado, que a fama mediática estalla xogando de mala maneira... ains. Eu a monarquía máis ou menos ao nivel de Fátima Báñez. Por aí, por aí...
Pero a nota chistosa de hoxe atópoa nesa asesoría con visión empresarial que imparte cursos a directivos e propietarios de empresas para pescudar, segundo a súa situación, como lle sae máis barato desfacerse dos traballadores. Non queriamos emprendedores? Pois non se pode acusar de que non aproveiten o nicho de mercado, eu non teño nada que dicir.
Se o que se quere é que se emprenda, eu propoño emprendela con todos eles. Xa non me vou pronunciar sobre as canles e os métodos, porque me quento e perdo os papeis, cada un que xulgue...
Eu non sei se alguén se decata de que ao final, emprender vai equivaler a ser autónomo e traballar para quen traballabas, só que máis barato, máis horas, sen dereitos e inda pensando que polo menos tes a opción de ter unha tarxeta de crédito no banco. Para ir tirando.
O dito. De chiste.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...