Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

1.2.13

Caixa B, caixa B, caixa B, caixa Beeeee...

É o que ten sermos da xeración Barrio Sésamo. Que hai cousas que, quéiralo ou non, van calando.
Eu non os culpo, a letra B é tan bonita, así tan redonda, que cunde tanto, parece un barquiño de vela, ou un edificio moderno, ou un moletiño de pan, ou un cu visto desde arriba, ou un tres pechado, ou dous olliños a medio pechar...
Ai, letra B.
Dicía Fátima Báñez que eses apuntamentos así eran unha chafallada. Unha vez máis demostra esta persoa humana que na vida traballou en ningún lado. Era como para que todos os negocietes e empresas lles mandasen unha caixiña chea de cadernos de contabilidade en B.
Eu cando me tocou facer caixa B tiña un caderno pequeniño azul e anotaba con siglas. Era pouca cousa, pero ao cabo do mes, sumaba. E gardabámola no caixón, así abertamente.
E cando me vin obrigada nalgunhas ocasións a pagar cartos en B, sacábase unha folliña ou un caderniño destes de libraría e anotábase a cantidade, un "recibí" sen moitos detalles e xa estaba.
A letra B é bonita, pero señora Báñez, é a segunda, non se lle pode dar a relevancia do A. O número 1 e a letra A son os mellores. O que vén despois ten que se conformar cun status inferior...
Ai.
Caixa B.
Que bonita eras cando estabas aí quietiña.
Ti gastabas e parecía que non gastabas.
Era como... como... unha vida regalada! Iso é! Unha vida regalada!
E o que máis me incomoda é que pasará...
Como todo nesta vida, pasará...
(se ata parece unha canción de amor)
Hoxe póñome estupenda e como levo uns días cantándoa, aquí deixo os de Barrio Sésamo facéndolle a homenaxe á letra B. Non sei se estes días tamén pola sede dalgúns partidos será a banda sonora ou terán a suficiente vergoña para que lles dea dor de barriga oíla.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...