Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

7.2.13

Conversas imaxinarias con...

Creo que xa falei algunha vez aquí da obra de Juanjo Sáez. Un dos seus libros, á parte de gustarme por moitas cousas, gústame por esa idea das conversas imaxinarias, desta vez coa súa nai. Poño esta ligazón porque sae el coa nai nunha foto, paréceme moi bonito o asunto: http://cuentalibros.blogspot.com.es/2012/08/el-arte-conversaciones-imaginarias-con.html.
Total, que supoño que non é algo que só lle pasa a el. De feito, eu creo que toda esta xente que atopas pola rúa que vai falando soa (algo que eu fago moitas veces, incluso conscientemente, incluso sabendo que está mal visto, incluso sabendo que se pode disimular poñendo un auricular, inda con todo iso, fágoo), pois iso, que a xente que vai falando soa supoño que moita irá tendo unha conversa imaxinaria con alguén. Concreto, quero dicir.
Creo que algunha vez xa dixen que tiña unha capacidade inimaxinable de ter soños realistas que recordo ao milímetro cando esperto e que ás veces me fan confundir realidade-ficción.
Isto noutros tempos sería motivo de preocupación e de internamento, pero eu quero velo como a fortuna de vivir unha vida paralela moitas veces emocionante ou interesante, algo que non sempre se dá na outra, na máis real.
Total, que desde hai uns días déuseme unha casualidade destas da vida e desde entón non deixo de soñar con conversas cunha persoa. O caso é que esa persoa éme accesible totalmente, pero non sei valorar se se deben producir ou estaría demais. Que non viría ao caso facelo.
Moitas veces hai temas que é mellor deixalos correr. Tamén hai que deixar cousas para que os psicólogos teñan traballo, non? Seica iso que se deixa correr con desconfianza ao final percorre o camiño cara arriba de novo e hai que darlle outra saída, ou se non enquístase.
Pode ser. Non son psicóloga.
Creo que estar máis queimada ca a pipa dun indio e poñer de banda sonora a José González (http://www.jose-gonzalez.com/) tampouco me está colaborando moito a deixar de darlle voltas ao asunto.
Como din os vellos, se tivera máis que facer!
Que mañá teño que facer filloas para o cole. E só teño 1 tixola. E nunca na vida unha filloa fixen. A min as que me gustan son as de miña avoa, e outras que xa non podo catar por circunstancias da vida, pero non creo que as miñas me gustasen...
Terei que botarlle imaxinación. Igual aproveito as tinturas estas que merquei para a cobertura da torta (que quedou roñosa) e levo unhas filloas deconstruídas de cor azul, rosa, verde... Non sei se alguén querería comelas, pero polo menos sairían vistosas...
Vou acabar de arrombar a casa e sígolle dando ao diálogo interior.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...