Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

11.2.13

Da sensibilidade que non abunda...

Constatar o que xa sabía sobre os incrementos patrimoniais dos políticos en tempos revoltos non me achega moito. Unha pouca indignación máis, pero máis nada.
Confirmar que as privatizacións avanzan a pasos axigantados e que o que hoxe é río revolto mañá será ganancia de pescadores tampouco achega nada novo. Só che abre os ollos unha miga máis.
O da lei de educación xa non ten desperdicio... pregúntome se o ano que vén a xunta andará na procura dun cole privado para que as miñas fillas poidan estudar en galego... ¿cal guetizarán por esta comarca? Los del gallego todos juntitos para que sean endogámicos y acaben extinguiéndose...
De ser así prometo xuntar todos os meus recursos e aforrar coma unha desgraciada traballando toda a miña vida para que estean á altura das infantas á hora de proveerme de netos, polo menos.
É brincadeira.
Ou non.
Confío en que si.
Xa espero calquera cousa neste país de despropósito.
O panorama cada día está máis fino e o meu máis agudo.
Cada día abro as ofertas de emprego que os portais me seleccionan. Pregúntome para que me molesto en afinar o currículo, se total chégame desde cirurxiá plástica ata docente nativa de swahili, sen discriminación. Iso si, sempre acompañada da oferta dun millón de cursos de formación que me poden interesar.
Creo que me vou desapuntar de todos. Ao final só é un motivo máis de cabreo ao longo da mañá, por colapsarme o correo, os avisos pitando ao móbil e os millóns de anuncios publicitarios que me inundan. Aínda non teño claro cal é o mecanismo que non lles funciona para ofertarme chirimbolos para mellorar a miña vida sexual a base de pastillas que axudan aos problemas de erección.
Nalgunha ocasión teño soñado que amenzo coa bandeira ergueita, pero creo que me furrulaba o asunto bastante ben. Non podería valoralo. Chegarían a espiar tamén no meu acervo de soños tan atrás...?
Vou empezar a emparanoiarme...
É brincadeira.
Isto si.
O outro non.
Igual me apunto a ir vender tabaco negro a Eurovegas. Malo será que a xente inda non teña as planadoras no galpón e etcétera, etcétera...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...