Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

20.2.13

Debate da ración

Supoño que iso é o que nos vén enriba. Falta apenas unha hora e desta volta creo que non o vou poñer de banda sonora da mañá.
A metade do que se di non ten ningunha credibilidade para min.
Que o mundo estaba mal repartido xa o sabía. Pero o malo é que agora clama ao ceo.
Como din as señoras maiores cando están vendo Gente: antes os homes non lles pegaban así ás mulleres.
Non hai memoria histórica. Pegábanlles pero non estaban os de Gente para poñer a airealo ao público. Quedaba no ámbito familiar.
O malo do chouricismo actual é que está deixando de quedar no ámbito familiar e estase aireando. E por desgraza, coma noutros moitos casos, parece que tampouco aquí a intervención vai resultar atinada e efectiva.
Parece que todo escandaliza e nada penaliza.
Porque digo eu que si, que quizais Ana Mato só viñese ser a muller floreiro do seu home, e non soubese nin de onde lle viña o aire, e non teña culpa ningunha da merda que se lle acumulaba na casa... pero aínda que non incorrese en ilegalidades (que non o sei), miña filliña, para onde vas? A min non me poñen a mandar en ningún lado se teño as destrezas e as habilidades dunha cabuxa, pois muller, o mesmo. Non é discriminación negativa, nin machismo, nin acusacións infundadas, nin nada estraño. Como llo podería dicir sen ferir sensibilidades... vou tirar de refraneiro, que eu son bastante sanchopanza para estas cousas: que non vales, nin pa dios nin po demo. Así que a buscar outra cousa que se axuste mellor ao teu currículo e á túa intelixencia emocional, porque o que é da outra, parece que escaseamos unha miga, xa só polo feito de querer estar por riba do ben e do mal amarrada a un cargo público que, claramente, che vai grande.
E a novela do señor electricista mangante do Códice tamén dá para unha risa. A sordidez do ambiente eclesiástico xa a ve quen a quere ver, non di nada novo, pero que saia nos medios e veña dálle encántame, é coma o socio de Urdanga, deitando píldoras de realismo sucio a cada pouco. Perfecto. Están os dous aí, aí disputando a miña admiración pola que están montando.
Xa que o sistema non funciona e non hai mecanismos para paralos serios, polo menos pan e circo, que o Bárcenas traxeado indo esquiar a todo trapo fai menos graza, estes dous cando menos son os teleñecos que animan as páxinas dos diarios coas súas percepcións do mundo ao que quixeron acceder e do que foron expulsados.
Ou xogamos todos, ou tiramos coa pelota ao río.
Panda de desgraciados.
E os políticos honrados, que tamén os hai, irán un a un dimitindo e deixando os seus cargos, porque unha cousa é a gana de mirar polo ben común, e outra ter unha nómina do salario mínimo interprofesional, no mellor dos casos.
Acabaremos vendo nos plenos só mulleres e homes floreiros (mantidos polos seus homes e mulleres e familiares de boa familia para que dediquen o seu tempo a sentirse importantes), xente con intereses á vista (construtores, máis que nada, supoño) e pouco máis.
Ou moito muda o sistema, ou camiñamos cara a iso.
Que medo...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...