Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

12.2.13

Habemus papam!!

Pregúntome se esa panda de adolescentes que se xuntaron diante da almudena (creo) a rezar rosarios espontaneamente e a falar do santo barón ratzinger-z e a rememorar o seu lúdico-festivo-erótico-petting-diostesalvemaria JMJ patrocinado por chuzacola e bebeuvecalimotxo con bágoas nos ollos, tamén asinou as follas para a lei anti-deshaucio que hoxe se vai debater (ou non) no congreso.
Ou é que a oración xa os exime do mundano.
E saíron en todos os medios, sen necesidade de cantar un pueblo es cunha guitarra no youtube. Iso tenche o seu mérito.
Eu opino que as perlas nas orellas acaban afectando o cerebro. Habería que facer un estudo.
Ai, non sei se poderei con outra canonización. Din que cada xeración só chega a ver un santo, pero a min xa me tocaron varios e cada un que chega aprécioo máis...
Pero que ben lles veu que os xornais enchan as 10 primeiras páxinas de efemérides e os informativos practicamente todo o seu tempo. Agora entrevistamos cardeais, agora catecúmenos, agora beatas, agora adolescentes, aquí opinións do mundo, aquí vista de paxaro do Vaticano, retrotraemos a juanpablosegundotequieretodoelmundo, un pouquiño do papa teólogo estudoso iluminado...
E veña daaaaalle, que a mandangada toda aproveita para ir comprar destrutoras de papel ao Lidl cos cartos en negro que lles quedan no colchón. Calderillas.
Como ben diría Curros n'O divino sainete (poño os anacos que me cumpren e non sinalo os que eliminei, para quen quixer ler o poema enteiro pódeo tirar da rede sen problema).

Os dous agardando a hora
de ir xantar co Santo Padre,
botamos do tempro fóra,
E pra poder aprecíalos,
fomos ver as galarias
da exposición dos regalos.
Canto en sigros dazanove
o temporal poderío
ten arrapiñado ó probe;

Canto se ten apropeado
a garra cardealicia
i o ventre do episcopado,

Alí está, en montós xigantes
de oriental magnificencia
-dende as peiras i os diamantes

Hastra a prata e ouro fino-
enormes bostas guindadas
do católico intestino.
Diante daquela cruxía
de exprendores, onde o mesmo
loce xunta i a porfía
Toda a pompa i a riqueza
que encerra o mundo do arte
ou garda a naturaleza,

Acordeime dos que fozan
na térra, dos que non comen,
dos que non ríen nin gozan;

E cun amargor sin nome:
-¡Cantos sudan neste mundo
-pensei- pra que folgue un home!
***
I aquí o Papa, outro traguiño
botando, excramou: -¡Que tempos!
I Añón responden: -¡Que viño!

-No medio de loita tanta
sóio hai paz -tornou León XÍII-
no seo da Igrexa santa.

¡E chamádesme tirano
a min, triste prisioneiro
na cárcel do Vaticano!

-Perdóneme súa mercede
-dixen entón-; pero coido
que mentres a Santa Sede

Os bens temporales ame
e insulte coa súa riqueza
os que se morren de fame;

Mentres o Papa, que o trono
das almas herdou somentes,
queira ser do mundo dono,

I a peí do pascoal Carneiro
trocando en coraza, trate
de convertirse en guerreiro,

A obra papal será impía;
non de paz, de turbulencia;
non de orde, de tiranía.

De Cristo a místeca esposa
fixo nefando adulterio,
i a súa falta vergonzosa

Non terá perdón divino
senón cando a Cristo torne
dos brazos de Costantino.
***

Quédese a rabia pros lobos:
¡Cristo era bon, era homilde!
i a humildá cautiva ós pobos
***

Tal falei. Anón estaba
páledo; volvín a testa
e vin que o Papa... choraba.

-¿Que ten, señor? -¡Esto é feito!-
repricoume; e naquel punto,
erguendo o busto escorreito,

Marmurou: -Ide e anunciade
que o Papa renuncia a Roma
pra vivir da caridade.

Dende hoxe a miña facenda,
todo o que eu teño é dos probes;
que as naciós poñan en venda

Canto for meu; ¡desto en pago
non quero máis, se me dades,
que unha coviña en Santiago!-

Sentinme entón conmovido
tamén; o Papa marchouse,
i eu de Añón sempre collido,

Botei fóra do palacio
e respirei fortemente
o vento libre do espacio.
***
Aquela noite saimos
de Roma eu i o vate. Apenas
os dous no vagón nos vimos

De volta pro chau paterno,
díxenlle: -Mestre, ¿que pensas?
-Que é un gran viño o de Falermo.

-¿Dudas dos votos formales
do Papa? -¡Nunca se compren
os programas liberales!-

Logo de chegar a España,
Añón tornouse ó comando
da súa Santa Compaña,

I eu, do que vin parvo e mudo,
desde entón creo.. ou non creo...
pero dudar, ¡xa non dudo!



Nin máis nin menos, por aí ha de andar a cousa... ou non... pero dubidar, xa non dubido!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...