Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

5.2.13

Impás

Dando unha volta polas beiras dos 34 non vou facer xuízo ningún, porque as cousas son como son e hai que deixalas correr un pouco, para ir vendo o que pasa.
O ritmo acelerado poucas veces me deixou momentos para a reflexión. Mal feito. Hai que reflexionar. Moito. Para non andar ás atoutiñadas. Cómpre pensar sempre.
Do que pase despois unha xa non sempre é dona. Ou case nunca.
Onte vía nunha reportaxe unha compañeira da promoción. Téñoa visto nos seus recitais múltiples veces. Eu sempre son moi fan de quen sabe facer as cousas, ou polo menos de quen fai as cousas como as sente. Por sorte atesouro na axenda unha listaxe de xente que admiro, non só polo seu traballo, senón tamén pola súa maneira de ser.
Teño moita sorte.
Agora neste impás de non saber moi ben por onde tirar pésame que xa non só o que faga me beneficia ou me prexudica a min. Iso é algo raro.
Será que o de converterse en nai de xemelgas non che deixa realmente tempo para moito pensar, e cando por fin, anos despois, ese tempo chega, chega con toda a súa forza.
Xa non é o momento en que son as nove da noite e che entra a angustia pensando se bañarías dúas veces a mesma, ou lle darías de comer todo o día a unha soa porque a outra estivo moi chorona... O día pasaba tan atarefado entre unha cousa e outra, a xornada laboral comezaba pola noite e o día comezaba de madrugada e todo era un, que o de pensar ía quedando relegado a cada paso.
Pero pasa o tempo e o teu tempo comeza a volver ser máis ou menos teu. E entón é cando pensas.
Pasaron tantas cousas en tan pouco tempo que me parece un milagre telo xestionado máis ou menos ben.
Mañá fago 34. Ás veces pasa o tempo tan rápido que dá vertixe.
Preocúpame o que poida pasar a curto e longo prazo.
Preocúpame o mundo que lles estamos preparando aos que xa chegaron ou aos que están por chegar.
E moitas outras cousas, que non son para poñer nun blog.
Cada un xa sabe das súas miserias. Non hai necesidade...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...