Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

28.2.13

O que estea libre de pecado...

... que tire a primeira pedra.
E Ferrín será un señor e recuperaremos un grandísimo poeta, pese a perdermos un grandísimo referente como director da Academia, e porque será un señor, non vai botar por fóra.
Imos cambiar os ollos polo rabo. E se non, ao tempo.
Se calquera tira de hemeroteca saen de aí tíos, irmáns, sobriños, curmáns e demais familia.
Ten certa razón Manuel Rodríguez cando fala de "filoparentela" no seu artigo no Galicia Confidencial: http://www.galiciaconfidencial.com/nova/13389.html. Non fai falla tirar moito de hemeroteca para que iso se vexa.
Así que non sei por que razón esta tolemia de tráfico de influencias, que, non, non está ben de ser certa, e non, non por tradicional debe ser continuísta, pero o de ver a palla no ollo alleo e non ver no propio o fungueiro é demasiado.
Non me entusiasma que a filla de Ferrín poida ter máis oportunidades ca min por ser filla de quen é, pero polo menos recoñézolle que, á parte de ter unha formación probablemente semellante á miña, a súa bagaxe cultural daralle mil voltas á miña, porque meu pai poñía ladrillos e non facía reunións literarias no salón da miña casa. Quero dicir que, en calquera caso, se funcionou o enchufismo (que non o sei), non se enchufou unha zopenca sen dous dedos de fronte.
Noutros casos si que hai zopencas que foron enchufadas no seu momento e que, por non saber, non saben nin que no galego hai que realizar sete vogais, aínda que se escriban cinco. Aprender literatura a golpe de que che doian os oídos é desagradable por demais. E hai que ver como se lle enche agora mesmo a boca botando por fóra co tema e autoadxudicándose o ser abandeirada de preitos pobres (en fin... para ir mexar e non botar gota).
Non é nada estravagante que a metade dos traballos se consigan por contactos, cando non todos. Iso quitado que sexa un posto de función pública, que xa xoga con outras normas, ou que se trate dun concurso público, que xa non é ético. Pero non é novo que a maioría dos traballos que exercemos todos é porque a alguén lle gustamos para ese posto, porque coñece como traballamos ou como podemos afrontar iso en particular. E o mesmo nas publicacións, nas exposicións, etc. Ás veces é estar no momento preciso no lugar preciso, outras, que alguén te recomende, ou que pense en ti.
Se é xusto ou non pois nunca se sabe.
Cando leo algunha novela ou conto e vexo que foi premiada ás veces dáme dor de barriga. Tiro de google, vexo quen foi o xurado e voilá, a merda envolveita en celofán grazas ao aval dun amigo ou dunha amiga.
E quizais haberá xente á que non só lle doia a barriga, senón moito máis.
Pero outros aplaudirán e darano por bo.
Di meu pai, que aínda que pon ladrillos ten sentido común, aínda que lle falte o das reunións literarias, que de todo ten que haber neste mundo. Que a cousa está así montada.

Sei que mesturo, que é demagóxico o meu discurso, que non dou datos concretos, que non sinalo cara a onde teño que sinalar abertamente, pero é que non me sae, porque as cousas son como son e foron como foron. Puideron ser mellores e tamén peores. O meu consolo é que todos os enchufes aos que eu non puiden acceder no seu momento, polo menos foron ocupados por persoas que o fixeron ben, e que o están facendo ben. Así que iso doe moito menos, onde vai dar. E esa é a miña experiencia.

Para min é unha gran perda o de Ferrín, e tamén me amola este estar nos medios diario, este cainismo que desgasta de novo a lingua. Ao final todo se reduce a cuestións políticas. As cuestións lingüísticas, pedagóxicas, etc., impórtanlle un carallo a case ninguén.

E entrementres, as vítimas seguimos a ser os/as de sempre. Os que por oficio ou por vontade temos que dar as explicacións do que outros ditan ou fan.

E quen queira saber máis, Cibrán, no seu blogue Carta Xeométrica, xuntou ligazóns e ordenounas, para que máis opinións sexan lidas e consideradas. Eu linas todas, dalgunhas gustei, doutras un pouco menos, con algunha xente incluso me gustaría quedar para explicarlle o cuatro esquinitas tiene mi cama...
http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2013/02/demision-de-ferrin-recompilacion.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...