Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

26.2.13

Que diga a verdade, pero con cautela...

Porque non sempre unha pode dicir abertamente o que pensa, aínda que o pense, por iso do risco de parecer o que non é, ou parecer que non é aínda séndoo.
Polos datos que vou xuntando e dos que xa dispoñía vou abrindo claros por entre as nubes negras...
Lin hoxe nun blog que, o bo de non adscribirse e non militar en ningún partido é que tes a posibilidade de ser libre.
Ser libre hoxe en día é un luxo.
Non era libre onte a señora Cospedal atrapallándose na súa incapacidade lingüística e moral para explicar e xustificar o que non é explicable nin ten xustificación. Calquera militante de base, dos poucos críticos, estaría aplaudindo desde o seu sofá inda sabendo no seu interior que non estaba entendendo nada. É o que ten non ser libre. Que che extirpan iso que se chama capacidade crítica.
A min o da Academia dame moito que dicir.
A verdade é que si.
Moita xente xa sabe o que opino e cantas veces expliquei a miña visión de moitos asuntos.
Por sorte, algunhas cousas vivinas cos ollos inocentes de acabada de saír da facultade. Hoxe sería ben diferente o asunto.
Creo que máis dunha vez expliquei a miña visión daquel hotel no que atopaba o recepcionista pola mañá para deixarlle a chave, chegaba ao bus e era o guía, chegaba ao comedor e era o camareiro e pola noite desde a ventá víao limpando a piscina e recollendo o xardín. Pero á mañá seguinte servíame o almorzo, facíame a cama e limpaba as fiestras...
Cando lle preguntei se era el só ou tiña varios irmáns que se lle parecesen, o sorriso iluminóuselle e explicoume o da súa xornada e as súas funcións. E incluso o seu soldo.
Pois ben. O do don da ubicuidade parecíame algo case surrealista, e despois indignante ao coñecer os porqués.
Pero hai outra xente máis afortunada, que ten o don de parecer que vive na ubicuidade, e xa sabemos que o paranormal aínda está por demostrar, pero cun soldo algo máis arrombado e cun éxito social algo máis amigable ca o do camareiro-recepcionista-guía-xardineiro.
En fin.
Só é un falar por non estar calado.
Como sempre hai quen diga, e moi ben, ideas que unha pensa, máis ou menos, vou deixar varias ligazóns que me gustou ler, ben pola coincidencia de opinións, ben pola súa expresión, ben por achegar datos ou ben por confirmar o que intuía. E o resto, cada quen, que pescude...
Velaquí os deixo:
http://montealto.blogaliza.org/2013/02/25/un-espectro-percorre-a-academia/
http://www.sermosgaliza.com/artigo/cultura/o-mundo-da-cultura-reacciona-apos-a-demision-de-ferrin/20130225185042011643.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...