Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

4.2.13

Será a fin da mediocridade...?

Ou sairá reforzada con novos actores mediocres pero máis espelidos aínda?
Escoitando a intervención de Rajoy-y-los-suyos case che saltan as bágoas e dá gana de comezar a xuntar tapóns de plástico para que non perdan de facer as comuñóns e os aniversarios e de poñer traxes bos. Porque o seu é dedicación. Son a ONG do asunto público. Uns humildes. E así é como llelo queremos pagar... acusándoos infundadamente de mamoneo, chouricismo, latrocinio e outra barbaridade de asuntos de calado gravísimo contra as súas immaculadas persoas.
E entrementres aquí vestimos a capa para ir ata Lalín coma se estivésemos no XIX, que lles faltou a carruaxe pero seguro que non por falta de ganas, porque as cachas de moitos ían aplaudindo, xa se ven na cúspide da rexeneración, polo seu bo facer. No seu momento, como di a Coz de Galicia, o señor Fraga (outro abandeirado da oenegué da cousa pública) xa varreu a Pablo Crespo con malas maneiras e deixoulle a casa aireada a Feijoo. A este último, digo, é ao que lle aplauden as susoditas partes do corpo.
Porque alguén acabará caendo.
Aínda que sexa asubiando o y-tú-más e fungando polo baixo que o facía todo polo noso ben, que polos cartos xa quedaba onde estaba.
Iso entenderíase se fose certo.
Non sendo, e non parecendo selo certamente, non se entende, nin se cre.
Pero volvamos á carruaxe, que non puido saír porque, tal como está o panorama, coa xente soliviantada, e cos carteis das preferentes que lle foron chantar o sábado diante da casa, parecería que o vulgo nos importa menos aínda do que verdadeiramente debería importar.
En realidade importa pouco.
Se non, que se investigue un pouco a vida sentimental-familiar de moitos dos que cortan o bacallau. Para ir mexar e que non caia gota.
Aquí o menos feirante vende a súa avoa e de regalo dáche a veciña da porta. Que sempre foron tan amigas que conseguiu que lle metesen o neto na deputación.
A facer non se sabe o que, pero gañando os seus bos pesiños para irlles comprando as leiras aos veciños, recualificalas coa axuda do fillo de moncha, que é concelleiro de urbanismo, e metendo pendellos por chalés e chalés por casetos para os apeiros.
Así ata que haxa un retiro a tempo, se tire co bloque, se poña un valado de pedra, un sistema antirroubo e a vivir mirando o val.
Atendendo os asuntos por videoconferencia ou delegando en fillos, netos e sobriños.
Que tamén hai que deixarlles comer aos rapaces. Que para iso fixeron os másteres que fixeron polo mundo adiante.
A mediocridade aflora.
E ás veces parece que mesmo flota.
Outras que afunde.
Pero sempre parece que sae algún pescador espelido que turra por ela para arriba.
E ponche cara de carneiro esfameado e fálache da fame no mundo...
E ti xa non sabes se ao final todo vai ser un pequeno circo que calquera día deita abaixo a carpa, recolle en camións e a campa queda como estaba. Un pouco pelada. Un pouco chea de merda. Cheirando algo a merda. Pero aí che queda. Para que ti sigas levando cada mañá o teu can e a fumar o pitilliño coma se aquí non pasase nunca nada.
Teño confianza cero.
Nunca tal vira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...