Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

25.2.13

todo é gate, gate por todos os sitios

Hoxe vexo a noticia da renuncia de Ferrín, non só como presidente da RAG, senón que tamén deixa libre a súa cadeira.
O que quere dicir moito. Un pode desposuírse dun cargo, pero desposuírse de ocupar un lugar concreto no mundo son palabras maiores.
Non sei que opinar, porque descoñezo todos os datos, e viría alimentar a estupidez humana que se bota a facer comentarios nos medios facendo insulto-demagóxico gratuíto.
A min a lea de poder a estes niveis xa me parece demasiado.
Tamén teño opinións, pero como son persoais e debidas unicamente á miña experiencia concreta, mellor vounas aforrar, porque, insisto, non achegan nada máis ca un falar por non estar calado.
Non sei se o seu foi obrar mal, pero desde logo o que non é de recibo é que o cegue acuse o chosco de non ver ben.
Sempre acaba falando o que menos debe. É coma unha lei universal que impera ultimamente.
O que ten o historial máis ao rebente, é o que se permite os luxos de levantar o dedo e acusar. Eu ás veces non sei se rir ou chorar, é difícil decidilo.
Eu o único que sei é que as miñas nenas están comezando a falar e xa non son eu, xa son yo. De luns a venres son yo, suben e bajan, son mío e tuyo e as cousas son pequeñas e grandes, e só contra o final do domingo se volve oír o eu, o subir e baixar, o meu e o teu e o pequenas e grandes...
E por riba teño que escoitar como se escarallan do meu pequeno drama persoal con frases do tipo estache ben, mira que che van saír castelanfalantes, non hai soberbia que non se pague...
Eu teño que dicir que nin respondo. A verdade é que fago que nin oio.
Porque un, non me parece soberbia ningunha o pretender que os teus fillos falen a túa lingua materna, sexa galego ou chinés. Creo que igual que os alimentas, os educas e os coidas á túa maneira, tamén vai implícita a cuestión da lingua. Para min é unha maneira de ver e entender o mundo. E nunca dixen que fose a mellor. Só é a miña e a que quero ter e conservar.
Dous, en realidade, ¿que é o que me está ben? Eu nunca dixen que o coñecemento non sume. Quen me coñece sabe que eu non desprezo ningún tipo de coñecemento, desde como se fai un enxerto e se rapa unha besta, ata a física cuántica, as linguas amerindias e a historia de Grecia e Roma. Penso que o lema saber máis é positivo podería tatualo nas cachas e non me daría problema.
Se "me" saen castelanfalantes pois agardo que sexa por decisión propia. Que non sexan tan parviolas de pensar que as linguas teñen ese falso poder de mover nada. Unha lingua é unha ferramenta de comunicación, o resto son connotacións e farei todo o que estea da miña man para que as súas cabezas non estean cheas de prexuízos estúpidos, nin cara as linguas, nin cara as persoas, nin cara ao mundo en xeral.
Insisto. Quen me coñece nunca me oiría desprezar, humillar, criticar ou sequera mencionar unha opinión sobre unha persoa pola súa opción lingüística.
Só en momentos en que teño que falar de lingua, aprenderlle lingua a alguén ou dar a miña opinión sobre a calidade dun texto ou dun servizo, etc. porque é o meu traballo, é que falo de lingua. E cando insto a alguén a repensar unha opinión ou a reconsiderar unha acción ou xesto, fágoo de maneira respectuosa e argumentada. Ou iso intento.
O resto resérvoo para os meus círculos. Igual que non falo de nenos con todo o mundo, ou de deportes, ou de relacións persoais. Cada cousa no seu contexto.
Así que me toca a moral todo este tema de cotas de poder.
De adhesións ou non a un decreto, ou contra un decreto.
Eu o que en realidade desexo é que as miñas nenas non teñan que comezar a desenvolver as súas habilidades lingüísticas deste xeito, entre liortas e decretos sen sentido que só benefician a algúns e prexudican a moitos. Está claro que o meu drama persoal impórtalle merda a todo o mundo.
É o que me toca de merenda.
Pois é o que me toca.
Está visto que non podo facer nada...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...