Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

15.2.13

Un trevo

Onte atopei un trevo, así desde lonxe, mentres levabamos as nenas por un carreiro visitar dúas ovellas vellas que viven preto de nós.
Que non pensen que os animais só saen nos libros, en realidade existen, aínda que non os vexan acotío.
Pode parecer unha parvada, pero a miña historia de amor cos trevos vén de moi lonxe. É un pouco traxicómica e chea de supersticións, pero que vai ser a vida se non se lle dá unha pouca marxe á casualidade, á alegría de pensar que existe unha especie de karma ou como queira que se lle chame.
Cando era cativa, moitas veces trataba de atopar trevos de catro follas, e nunca me pasaba. Amolábame cando botabamos horas na súa procura e outros sacaban o trofeo e corrían para a casa metelo debaixo dalgún libro ou secalo entre follas de papel.
E eu nada.
Nunca, nunca, nunca atopaba un.
Así que para autoenganarme, ás veces, pegáballe unha folliña de mala maneira e secábaos a modo de catro, ben abertos entre as follas dalgún libriño que houbese, aínda que ás veces quedaba ben enredado, case sempre acababa desenganchándose e saíndo á luz a miña trampa.
E así pasou o tempo, non sen deixar de lado a teima.
E cando estaba no instituto, unha vez, facendo un xogo destes sobrenaturais que tanto nos gustaban para as tardes de inverno, onde saían a relucir os nosos segredos máis agachados e as nosas esperanzas máis fondas con respecto ao futuro que nos agardaba, alguén, lembro o seu nome, pero non o vou dicir, dixo: no cemiterio, teremos que buscar unha lápida dunha señora chamada X, e alí debaixo imos atopar moitos trevos de catro follas.
Isto é verídico. Non estou inventando nada.
Esa mesma fin de semana pateamos deica alí, buscamos eses nomes e, efectivamente, debaixo dunha das lápidas había trevos de catro follas coma se os acabasen de sementar todos xuntos.
Recoñezo que o impacto non me deixou tempo para botar un ollo ao camposanto en xeral e comprobar que medraban por máis lugares.
Pero ese foi o detonante da procura da boa sorte do trevo.
En moitas ocasións a partir de aí atopeinos. Son unha persoa afortunada, así que non é casualidade que coincidisen con bos momentos. Non vou ser tan inocente de atribuírlle máis poder ca o que a miña mente quere atribuírlle cando lle peta.
Xa de grandiña, unha vez pasoume algo e pensei que xamais ía atopar un trevo. Que todo acabara aí. E por máis que busquei e busquei, durante uns anos non volvín atopar outro.
Pode parecer unha estupidez, pero era un detalle que me roldaba a cabeza con frecuencia, e incluso o teño comentado con xente.
Cambiei de estratexia. E volvín atopar un e outro, e outro, e así unha morea deles.
Agora había un tempo que non me viña ningún ás mans e onte volveu outro. É de novo unha casualidade, pero xustamente algo comeza a cambiar de novo.
É coma se en cada ciclo, cada oportunidade ou cada momento determinante, me trouxera un ao pé do camiño.
Por certo, hai un libro, titulado A boa sorte, que ten como fío condutor o tema dos trevos. Interesante e positiva lectura. Recoméndoa.

Sei que hoxe a entrada vai así, pero é que, coma sempre, a actualidade cada día dame máis gana de obviala, así, directamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...