Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

18.3.13

O corazón dividido


Se a estas alturas tivera que escribir a novela do meu día a día, poñeríalle un título tan rimbombante, telenovelesco e acaído coma este.
Supoño que a todos nos pasou moitas veces, ese ter o corazón dividido, a cabeza dividida e o corpo ready to facerlle a parcelaria. Así a anaquiños, coa súa mellora, os seus marcos movidos e ata os preitos solucionados a sachazos.
Boto en falta as miñas mañás con seis brazos a facer de min unha masa amasada humana mentres non se me desapegan os ollos presos da caloriña de querer alongar a noite un pouquiño máis.
Sempre fun unha grande amiga da cama. Para durmir. Sábeme o defecto ata o señor da xestoría que me chamaba ás 2 da tarde e me preguntaba se non me sacaría da cama e estaría molestando.
Sempre fun curuxa noitebra, a cousa é así. Moitos anos de hábitos nocturnos éche o que ten, que o cambio custa.
Boto en falta que a miña creatividade voe libre sen preocupacións dun cuarto a outro da casa, sen que mo fiscalicen nin mo couten, polo menos así abertamente. Que despois coutar e fiscalizar, toda a vida se fixo.
Boto en falta os cafés de media mañá, felices, inda a pesar de todo o cotián que nos esmagaba a todos. Falando por non estar calados e amañando o mundo sen poder mover nin unha palla nin querendo.
Seica o meu é un raciocinio infantil e infantilista.
Inda falabamos onte das tribos que miden o seu benestar pola felicidade e non polos logros materiais, da índole que sexan. Que procuran o sustento para o día e gastan o resto en lecer de variadas categorías.
Non sei se mudarme a unha tribo.
Abandonar a miña non me presta alá digamos demasiado.
Boto de menos ir cosendo con fíos de algodón e de palabras o pequeno microcosmos en que hei de habitar durante parte da vida.
Din que hei de domear o meu infantilismo.
Eu digo que malditos cartos.
Se non fora por eles, o corazonciño había de telo enteiro e ben abrigado. Con seis brazos, seis pernas e moito máis.
Din que hei atopar o meu lugar, inda que sexa á forza de ceder espazos, eses nos que voaba libre a antedita, e que agora vai ser que amiga, tampouco é que foras morrer de éxito.
No meu interior xa o sabía. Só faltaba que mo dixeran, así, con todas as letras. Aínda que non sexa fácil facerlle a dixestión. Así de entrada.
Prometo volver con outras entradas. Outros mundos. Outra visión das cousas. Estes días todo o que oio vouno metendo ao cartafol do aténdoo despois, porque o meu cotián éncheme todo e máis, non me deixa faragullas para mastigar nos tempos mortos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...