Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

24.4.13

Bugaboo


Ou o espírito vilán (de vila) feito armatoste.
Os que fosen pais e nais ou avós e avoas, irmáns, padriños… recentemente saberedes de que falo.
De todo canto rodea á nacenza dunha crianza. Veña lotes de tarecos e cousas inexplicables enchéndoo todo, a maioría inútiles. Tres ou catro aparellos coa mesma función para diferentes momentos.
Carriño en 4 pasos para o primeiro ano de vida.
Cadeira para o coche en 4 pasos para os primeiros 16 quilos.
Berce en 3 pasos para os primeiros días, meses e quizais dous anos de vida.
Bañeira inicial, bañeira media, ariño para a bañeira…
Biberóns con múltiples tetinas que se cambian e varían (a golpe de tarxeta de crédito) canda o suposto desenvolvemento do padal dos pequenos…
A clave está en bautizar os novos inventos cos adxectivos evolutivo, versátil, seguro… e xa se venden sós (a versión de diáfano e con posibilidades para as descricións dos pisos merdeiros que había no mercado a barrunto).
Toda unha inmensa industria montada arredor do pánico que fai que os primeirizos e os regaladores non fagan máis que botar a man ao peto para darlle o mellor ao que acaba de aterrar. Será a antesala do “nunca mellor vas vivir” ou o conto do neno vello, pero referíndose á calidade de vida, primeiro proban o bo e despois xa lles imos quitando conforme vaian medrando.
Contra os catro ou cinco anos xa ninguén se preocupa de apenas nada máis que de repoñer os chándales esgazados, as zapatillas do Décathlon furadas e o material escolar que se vaia estragando.
Contra os 15 ou 16 só se preocupará un de repoñerlle a tarxeta moedeiro para o bus e darlle o xusto para que non poida financiarse moitos vicios e non caia nas gadoupas do dolce far niente.
O caso é que desde hai un par de anos púxose de moda un carriño que se chama Bugaboo, eu coñecino cando andaba na procura do carro máis barato do mercado para xemelgos, pois na escala alta do caro e do súmmum de beleza feita carro estaba o tal Bugaboo, de prezo medio 1200 euros. Si. O neófito nestes temas pode facer unha busca para dicir un grandísimo mátame camión.
O caso é que eu, na miña inocencia, pensei que a ver quen serían os pirados que se botarían a puír semellante cantidade de pasta só no carriño vendo a que che vén enriba.
Pois, coma en tantas outras cousas na vida, trabuqueime. E o fenómeno vai como segue, porque é verídico. Nas vilas (certificado en Vilagarcía, Porto do Son, Noia, Carballo…) non se ve máis ca esta marca de carros por todos os currunchos. Non así onde vivo agora, pois abundan os carros reciclados de irmáns máis vellos ou carros máis “operativos”, froito de compras con cabeza ou ben aconselladas.
Pero nas vilas, unha proliferación esaxerada. Algún día computei no mesmo parque seis ou sete iguais. E tan iguais que teño visto mans de nais arrandeando carros que eran da comadre coa que estaban falando e, ao darse de conta morrían da risa por teren confundido así as súas pertenzas.
Maaaaaaátame camión. Xa o digo eu por todos e ben alto.
O caso é que se converteu nun símbolo máis de status que mostrarlle ao mundo. Igual ca levar os nenos pera ou as nenas con capota, medias, zapatiños e chaqueta a xogo e, a ser posible, do mesmo ton e feito a man. Percibíndose carísimo todo, ata polos leigos na materia de moda infantil.
Cando unha parelliña de paseantes se cruzaba con outra parelliña de paseantes empurrando un bugaboo pensaba: aí van os meus futuros posibles consogros (ou pais/nais cos que compartir aniversarios, actividades deportivas, horas de parque ou eventos sociais variados obrigados polas circunstancias), que teñen pasta para malgastar e son rumbosos cos seus próceres, porque sabes que vale esa pasta, e que se por riba leva saco, paraugas, plástico ou calquera outro accesorio, a historia inda se dispara máis.
O caso foi que hoxe miña irmá mandoume unha mensaxe que me fixo rir por dentro e por fóra. A mensaxe di así, e reprodúzoa modificando os nomes. A quen se refire é a unha familia coñecida, marxinal, que vive da caridade, son unha chea de irmáns, fillos, netos, curmáns… vivindo xuntos e revoltos, sen máis aspiración na vida ca malvivir e roldando a exclusión social desde hai bastantes xeracións. O dito, a mensaxe:

Hoxe cruceime coas remigias polo centro e levaban candanseu bugaboo… Elas coma todas!

Escachei a rir pensando só na cara das parelliñas bugaboo cruzándose coas remigias e tendo que reconducir o seu siloxismo sobre os bugaboo.
remigias bugaboo ergo bugaboo non-mola
Os bugaboo xa chegaron a Cáritas ou a onde queira que os apañasen as remigias. Gústame esta democratización do esteticamente bonito, que carallo. Os nenos das remigias tamén son evolutivos, modernos e de deseño, aínda que vivan a monte.
Para o ano van ter que se sacar un novo modelo os de Boparvoo, se non, a ver en que se vai converter isto!
Que barbaridade, chico!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...