Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

12.4.13

Mais aínda seguimos aquí...

Entre Dorado, Cifuentes, Cospedal, Rajoy en plasma, chuliboy en Parlamento, preferentes, monarquías á altura de anacronismos incribles Corea-do-norte, acusacións e demais perendengues o panorama tenme contenta.
Tanto que escribir e que dicir que precisaría de cinco mil blogues ou máis.
Como non me dá para iso, só quero confiar nese cativeiro contrapoder que vai tomando forza. Grazas a Ada Colau por ser a voz de tanta xente con tanta fortaleza. Se puidera chamala e dicirllo en persoa, faríao. Grazas aos dos escraches ben entendidos, porque os nenos dos señoritos seguro que non están ao tanto de como é o mundo en que viven, porque para iso xa están aí os seus malversadores papás, para que a estirpe non se extinga, e, en cambio, os nenos dos desauciados aprenden axiña que a vida pode ser moi triste. Grazas aos medios que, inda a pesar de todo, seguen dando cabida ás verdades. Grazas aos xornalistas que non perderon a súa credibilidade, que algún inda queda. Grazas á canle da 6ª porque, inda que o faga por pasta, día tras día mostra datos e puntos de vista que, doutro xeito, non chegarían á xente a que chegan, toda esa que non manexa a internet e que só recibe por medio da tele... Grazas en fin ás voces discordantes, porque che fan atopar o consolo e ver que non es ti tan raro como ás veces te sentes.
Hoxe vin o cartel do concello de Ames na gardería no que anima a pedir a escolarización dos pequenos en galego. Oxalá que o cartel só fose un xesto máis do concello. E non o xesto. The only one. Oxalá non levase todo o ano amolada porque o galego na escola infantil do concello é máis testemuñal ca vehicular (moita documentación e pouca acción, a xente que o sofre xa sabe de que falo). Grazas por boicotearme o tema da lingua, concello de Ames. Hoxe co voso cartel deume gana de facer unha espada láser e pasarme por alí explicarvos como está o estado da cuestión.
Pero despois volvín á terra.
Hoxe dáme por deixar un vídeo musical. É de Sés. Encántame por moitas razóns, pero, sobre todo, pola forza coa que tira para diante. Directos espectaculares. Enorgulléceme que sexa paisana miña, que se vexa que non só dámos pan, patacas e grelos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...