Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

24.4.13

Na calma chicha

Que dá iso de non querer ver, non querer oír e non querer falar...
Vamos, que un beatus ille á moderna provocado por ese xa chegar ata o tope e estourar ou rebaixar o nivel de combativo e volver comezar.
De todos estes días que non engadín entrada quédome con algúns momentos:
1. A elección na academia como director ao profesor que máis me desconcertou nada máis poñer os pés na facultade, o primeiriño, e non para ben, senón para facerme pensar iso que tantas veces me asaltou de "onde vén sendo que me metín?". A nena Rosalía pasou de ser por un breve lapso de tempo a miña muller de referencia nos últimos anos de instituto a esborrancharse a súa personalidade entre anecdóticas pozas de lama e carencias afectivas variadas que ocupaban as longas disertacións. Só lle agradezo iso de contribuír a facerme unha persoa máis crítica e con máis ansia por pescudar en varias fontes antes de tomar un camiño. Buf, no fondo case lle vou ter que dar as grazas e mandarlle unha carta (en sobre lacrado, con pluma e po de arroz esparexido, porque o correo-e parece que non é da súa devoción) por contribuír á miña formación académica. E que viva a renovación e a modernidade institucional! Vivaa!
2. Mina non, contaminación! Éncheme de orgullo ver as miñas amigas loitando polo noso terruño  a diario, cheas de argumentos científicos e sentimentais, por que non. As miñas pequenas aprenderon os primeiros lemas de contestación social polas rúas das súas raíces e, fíxate, loitando por un futuro que se lles augura moi negro. A min o da manipulación mediática e o da ignorancia supina dos caciques mandamais neste asunto déixame parva non, o seguinte.
3. Todo o tema de imputacións é de vertixe. Pero diso xa falan os máis sabios.
4. O (des)goberno sigue dándoo todo. Máis do mesmo. Só desexo un contrapoder eficiente e que un día todo saia coma o zurro polo picho da máquina. Chapuzándoos a todos de merda con que non lles marche o cheiro máis nunca na vida.
Polo resto, lendo tanta literatura xuvenil que penso eu que así nos vai. O grao de estupidización xa vai inundándoo todo por demais. Quitado catro ou cinco obriñas que me fan pensar que inda existe a excepción por entre a norma, o resto son coma para facer unha queima o día de San Xoán, para non dilatarse moito no tempo e que máis ollos teñan que andar refregándose para crer o que están lendo.
Agardo que alguén nos veña salvar. Coñezo uns cantos e unhas cantas que deberían poñer mans á obra xa, inda sen teren padriño nin nada, e parir algo que, ademais de calidade lingüística e literaria, non presupoña un lector unicamente preocupado polas polucións nocturnas, a minisaia de saír os sábados e a idea de que os profesores son chungos ignorantes e os alumnos unhas vítimas das súas familias desestruturadas e castradas emocionalmente, o que os marca e os determina para non poder establecer relacións saudables e satisfactorias con ser humano, bicho vivinte ou pedras do camiño coas que se cruzan. Ai porfavoreeeeeeee!!!!!!!
E por hoxe dúas recomendacións, mirar o Gran Irmán á galega, marabillosa crítica e humor ácido e retranqueiro: www.granpadriño.eu. Capítulos de media hora sen desperdicio ningún, non deixedes de velo se tedes oportunidade.
E reler os clásicos. Porque parece que escribisen visionarios, no canto de homes e mulleres ilustrados. O que esquece a historia, parece condenado a repetila.
E deixo uns versiños tradicionais, porque é o que me presta hoxe, que xa abrochou a primavera e dá novos pulos e novas alegrías. No fondo, como mellor se vive, é namorado da vida. Así. Sen convencionalismos, nin normas, nin regras, nin pudores.

A raíz do toxo verde
é moi mala de arrincar.
Os amoriños primeiros,
son moi malos de olvidar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...