Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

26.4.13

Recortes

De tantos que nos aplicamos ao final imos acabar sacando labras de nós mesmos. Todos figurinos paseando a osamenta na procura dunha ponte deibaixo da que pasar o inverno.
Ultimamente, cada vez máis, atopo a primeira hora da mañá ou a última da noite xente remexendo polos colectores do lixo.
A clase media esborranchada xa non é unha opinión esaxerada e comeza a ser unha certeza certificada. A min todo isto dáme mágoa, pena e indignación, que inda non sei ben como canalizar.
Polo de agora estamos vendo as barbas do veciño cortar, pero a maioría de nós xa temos as nosas a remollar.
Hoxe vin unha persoa mentres tomaba un café. É alguén que non me vai nin me vén, pero coa que teño que cadrar forzosamente nalgunhas ocasións. Vina alí, tan despreocupada, tan elegante, tan botando man dos seus descansos eternos de funcións mal entendidas, falando tan soberbiamente da vida coma se fose unha autoridade que me fixen a longui.
Xirei un pouco a cadeira e cando engulín o meu café saín despedíndome dos camareiros, da barra, da máquina comecartos e do paraugueiro, todo para evitar unha conversa intranscendente, chea de cinismo pola miña parte e que me ía deixar cunha sensación de que o mundo, definitivamente, está mal repartido e poboado por embigos etnocentristas.

Todo ben. Moi ben. Perfecto. As nenas estupendas. Grandísimas. Preciosas. Si. O mundo é marabilloso. Xa nos vemos. Xa falamos. Recordos a todos. Si. Que ben. Alégrome de verte. Estás estupenda. Quen me dera a min! Que tal a familia? Si. É un rapaz intelixentísimo. Facedes ben apoialo. Que viva. Unha mente así non ten que rebaixarse a apearse ao mundo dos mortais. Claro. Claro. Un bico. Veña. Subo que só teño 10 minutos contados para o café. Un bico. Outro. Saúdos a todos.

Cada día son máis roñona. Non o podo evitar. Pero o que poida evitar. Evitareino. Téñoo claro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...