Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

10.6.13

A accesibilidade

O da accesibilidade parece cousa negada só a uns poucos, pero, en realidade, é o pan de cada día de case todo o mundo. Se non é nun ámbito, é noutro.
Hai esferas ou facetas accesibles e outras que non o son, polas causas que sexan.
Estes días ando (andamos) moitos pais e nais preocupados co tema da eminente escolarización dos meniños en infantil.
E entre o como será e como non será hai unha cuestión fundamental na que, ¡menos mal!, todos coincidimos.
A importancia de coñecer os mestres antes do inicio, o lugar, o horario, o proceso de adaptación... e xa non por unha cuestión de quedar tranquilo ou tranquila (que si), ou de ir facendo o camiño cos pequenos na casa (que tamén), ou de ter un primeiro contacto con aqueles e aquelas que van xogar un papel tan importante na túa vida de aquí, polo menos, a tres anos (sobre todo isto). Pero tamén por cuestións de organización e de optimización de recursos (que non todo quisque ten á man recursos para poder solucionar o que lle xurda sen unha previsión anterior).
E non é por desconfianza.
É porque, e non me considero persoa remilgada, desconfiada ou exquisita, é porque é fundamental, creo eu, que un non manda os fillos chegado o día acordado a un lugar coma quen manda un xiro postal. Hai cousas que doen e preocupan e outras que non.
E neste caso doe e preocupa, loxicamente.
Pois cal é a miña sorpresa que entro na páxina do centro para me asegurar das datas de matriculación e poñen que a reunión informativa é o luns que vén ás cinco da tarde.
Menos mal que entrei na páxina, pensei, que se non, pásame e nin me decato (isto porque como chove, non contactas con outras nais e outros pais que teñen outros fillos e outras fillas xa escolarizados e que sempre te poñen ao día nas novidades escolares).
Despois pensei, rediola, ás cinco da tarde, pero se o máis cedo que sae a xente de traballar é ás seis ou ás sete...
Ben sei cal é a xornada laboral e o horario dun docente ou dun administrativo. Ben o sei. E ben sei o que custa prolongalo ou modificalo. Seino porque eu tamén asistín a moitas reunións fóra de horario tendo que quedar a xantar, ou percorrer quilómetros, e un longo etcétera.
Pero tamén moitas veces reivindiquei titorías accesibles para pais e nais, un día ao mes ou ao trimestre no que a xornada rematase máis tarde para que esas persoíñas preocupadas polas súas persoíñas puidesen vir onda min e falar un anaco do que pasa cando saen das portas das súas casas e entran polas portas das aulas.
Porque moita xente, inda que pareza incrible, non ten marxe de maniobra.
Ás cinco da tarde, dos que se van matricular, xa coñezo uns cantos pais e nais que non sei como se van amañar para poder comezar a estreitar lazos.
E despois descargo, inocente, ese libro que editou a Xunta no que se fala felizmente do proceso de adaptación visto por docentes e pedagogos.
Un mundo multicolor onde os nenos e as nenas son recibidos con amor, con disfraces, en ambientes distendidos, falando na súa lingua, onde pais, nais, pequenos e mestres son coma a santísima trindade en comuñón perpetua...
En fin.
Para variar, do dito ao feito... vai un treito!
Que a sorte nos acompañe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...