Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

13.6.13

Hoxe ía falar da mina de Corcoesto

E dos intereses que ten certo medio chamado La Coz de Galicia.
Xa o mencionei en varias ocasións, pero como parece que nin a contestación popular (de pobo, non de popular-ghaviota) é coma quen oe chover, coma en tantas outras ocasións, volvo co tema.
Nestes tempos hai tantos temas que me roen nas tripas que a esta altura da primavera xa debía de ter a úlcera sangrando a chorros.
O dito, que ía poñerme hoxe co tema da mina, pero antes deume por ler algúns dos blogues que sigo de preto e vexo que xa outros dixeron o que eu viña matinando, e moi ben dito.
Así que deixo a ligazón e aforro eu de botar bile por entre o teclado.

http://xmeyre.blogaliza.org/2013/06/12/paremos-corcoestro-paremos-la-voz-de-galicia/

Eu A Coz de Galicia xa nin a quero nin para limpar o cu nin en situacións apuradas. Inda estes días cando baixo tomar o café e non hai ningún outro xornal libre, nin lle boto a man. Iso si, as escasas ocasións en que o fago dáme ata vergoña allea.
Sen entrar en ideoloxías e noutras fonduras, que cada quen xa ten os seus criterios, fan un xornalismo de a patacón e os redactores débenos sacar da escola de práctica de malas maneiras. Así, por dicir dúas que me viñeron aos ollos.
Falando sobre un meniño que afogou no río: Sus allegados afirman que era muy listo y le gustaba el kétchup... (relevantísima a opinión); titular: El placer de tocar tu propio órgano a carón da foto dun raparigo con cara de adolescente apoiado en algo que non se sabe moi ben o que. A noticia era dun rapaz que restaura órganos e que ademais é músico, que ía tocar un órgano que restaurou nunha igrexa...
Para ir mexar e non botar gota.
En canto ao de Corcoesto, xa non só o tratamento que lle dá, senón a publicidade, as entrevistas, os folletos e auténticos libros editadísimos que acompañan o xornal os domingos... É un bombardeo constante.
Moitos xa sabemos o porqué. Moitos outros non. Pero deberían, deberían...
Hai xente que por cartos, vendería ata a súa propia nai. É un feito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...