Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

31.7.13

Pechado por vacacións

Alá imos.
Durmir. Descansar. Quitar de enriba as présas. Ver máis amigos e máis amigas. Distender.
En definitiva.
E o resto xa se verá. Por agora, procrastinamos.

A ver se o reseteo me deixa acougar o cu un tempiño máis.
E meditar en se este curso me matriculo e acabo (por fin!) a carreira pendente.
E planificar para estudar o ciclo sen que me impida moitas outras cousas.

A ver se o reseteo me fornece de determinación para ir por aquilo que desexo con máis ímpeto e menos preguiza ca de costume.

Por agora só quero humildes vacacións. E recuperar o equilibrio de non ter que ir riscando no calendario os días para que cheguen. Impropio de min.

Máis nada. Deséxolles o mellor para vostedes tamén.

26.7.13

Galiza non é Espanha, é Gansu

Non é meu, creo que é un twit de alguén, ou algo semellante.
Xa nin corta-pega se sabe facer. Un básico de calquera corta-pega. Selecciona, dálle o mesmo formato e le, para corrixir as posibles incongruencias.
Nin creo que faga falla mencionar a miña solidariedade coas familias, amigos, coñecidos e todo aquel que perdeu un ser querido nestas circunstancias.
Do resto de parafernalia só dicir que noxo me dá.
Dáme carraxe ver como varren literalmente as persoas que non dubidaron en botarse ás vías para tratar de salvar vidas para que tres ou catro politicachos, da caste que sexan, boten un ollo a pé de vía. É como para cabrearse, ou non?
Dáme profunda tristura a proxección de imaxes sen ningún tipo de filtración, e noxo absoluto a portada da Coz de Galicia. Vese que non eran da súa familia os mortos ou os feridos.
A sensibilidade brilla pola súa ausencia.
A liña que separa información de sensacionalismo adoita ser feble, pero neste caso demostraron, unha vez máis, a súa mala praxe e a caída continua no zoom morboso, que sempre está demais.
Dáme auténtica vergoña e síntoo polos familiares que teñen que zampar iso para sempre xa.
O de alegrarme pola humanidade que inda nos caracteriza é obvio. Xa só faltaba que por riba todo o mundo pensase en que non vai con un, ergo un non ten por que mover o cu.
Agardo que ese momento nunca chegue. Inda a pesar do "puteados" que nos sintamos.
Se eu fose Rajoy onte non daría mirado aos ollos a nin un só funcionario da sanidade, nin de ningún outro corpo de funcionarios.
Daríame auténtica vergoña saudalos pensando: xa sei que vos estou fodendo a vida e inda con todo aí estades, e eu, en cambio, só tiven que madrugar unha miga para coller un avión privado e para mandarlle ao bolseiro de turno facer un corta-pega que confunde Galicia con Gansu e un accidente ferroviario cun terremoto. Viva Honduras!
E a voz entrecortada do grandísimo actorazo que temos por presidente xa me mata, igual ca as 2 horas de misiña que retransmitiu a TVG en memoria das vítimas...
Inda ha de haber quen lle tire rédito político ao asunto.
Total, xa as vai pagar todas o señor de Mondoñedo, ao que lle acosan os veciños para saber se era un suicida temerario, se se lle puido ir a pinza ou que.
Que fácil, sencillo y para toda la familia descargar no chiviño toda a culpa así a priori, con premeditación, aleivosía e ensañamento público.

As tertulias xa para que mencionalas. O falar, desde logo, non ten cancelas.

E así nos vai. E moito máis que calo, porque podería seguir ata o infinito, pero despois xa me veñen con que son unha conspiranoica e unha repunante.

Por exemplo, que pasa co hospital de Conxo? A santo de que derivan xente á Rosaleda, que é un hospital privado e non mandan nin un a Conxo, que é o que máis preto queda da zona do accidente, é público e traballa nel xente sobradamente preparada?
A policía pechando barracas e postos de lilos variados por Compostela para que non se percibise festa (sabemos que pasan 15 días durmindo nos bancos da alameda, comendo pan con pan e coa prole en furgonetas), pero iso si, os cojones de Santiago rellenos de coco seguíronse vendendo a viva voz na zona vella todo o 25, e nas terrazas non sobraba nin unha cadeira, aquí non se pechou máis ca o dos ambulantes, o resto, ao rebente. Ao débil é fácil pecharlle o chiringo, ao forte haille que dar máis razóns, que queiras que non, era 25 e en Compostela non cabía unha agulla.

A hipocrisía é un mal moi estendido e asumido.
Ou quizais xa só é sensación miña.


24.7.13

O día da patria

Xa non recordo a primeira vez que subín no bus a Compostela para festexar o día da patria... Quizais haxa xa 20 anos ou máis.
Non tiña nin a máis lixeira idea do que viña sendo a patria nin ningún outro tipo de sentimento cara a ningunha terra, nin lingua, nin filiación de ningún tipo.
Pero un grande amigo meu, moito máis vello ca min, chegou cunha camiseta posta un día de agosto. Na camiseta estaba o mapa de Europa e dentro de Europa unha Galiza pintada de vermello e xa non recordo o lema. Pero deixoume pensando.
Coma esas pequenas cousas que acontecen e que parece que pasan de esguello pero despois retornan nun momento e fanche meditalas.
Ao ano seguinte estaba con el e con moita outra xente que despois se foron convertendo en parte importante da miña vida, polas rúas de Compostela. Unha cidade que inda non visitara xamais e que coñecía só por referencias ao apóstolo. Ese mesmo ano retornaría, ¡camiñando!, nunha especie de peregrinaxe coa miña parroquia. Creo lembrar que era ano xubilar e por iso se organizara o tema, ou non, xa non lembro. Sei que practicamente fomos os mesmos, así que xa vedes a calidade das reflexións políticas e ideais.
Primeiro reivindicando patria, ateísmo, republicanismo e autoafirmación e despois coa parroquia a patas para asistir a unha misiña. Para ir mexar e non botar gota.
O caso. Ese ano foi o primeiro de moitos, nunca interrompidos, que me acheguei a Compostela polo 25. Algúns anos recórdoos máis intensamente ca outros.
Porque tirar de manta e tortilla fría e compartilo cos amigos sempre é algo para recordar.
O dos sentimentos, ideais e outro tipo de cousas foron sufrindo variacións.
Desde esa unidade de sermos catro gatos tratando de razoar unha visión do mundo, ata ver pelexas por subir ao escenario a xente que di ti que se parecía a min o ano da manifa e da misa. Vamos, que subían aí como podían subir refregarlle o xustillo a Alejandro Sanz (por poñer un que me vén á cabeza) nun concerto seu nunha praza de touros. A vida é así, inzada de oportunistas, que non de oportunidades (que tamén, ás veces).
Algún ano deixei de ir.
Os amigos tamén deixaron de ir. Algúns.
A vida lévate por outros derroteiros. As circunstancias persoais e familiares.
A tortilla xa non é de ovos da casa.
Hainos que seguen intentando facer país.
Hainos que tiveron que deixar o país.
Hainos que se puideran poñerlle un petardo ao país tamén o farían con gana.
Este ano non sei que farei.
Xa non está a caseta do amigo que vía unha vez ao ano desde que compartimos residencia de estudantes na universidade. Só nesa ocasión. Viámonos. Poñiámonos ao día. A última vez presenteille as pequenas. Regaloulles os libros cos que se bañan aínda hoxe. Os Bolechas resistentes. E agora xa non virá porque a empresa crebou.
Tampouco virá a da libraría. Estes días está pechando.
O merchandaising xa non é unha coidada camiseta pintada con total conciencia e coñecemento de causa. Xa son madeinchina a fío con lemas que ás veces fan graza e outras dis ti: pero meu home, para onde queremos ir parar? E un lote de tarecos máis que non veñen ao conto.
Hai que ir cos tempos.
E haberá.
E no da política. Pois eu xa non sei que diga. Será que tamén hai que ir cos tempos.
Mañá vou, dependendo do tempo. Do humor. Do ánimo. E de como teñan as pequenas o día.
Así que o deixamos a esa clase de condicionantes.
Os amigos, a poder ser, heinos ver igualmente.

22.7.13

A vida é bela

Cando vin esta película encantoume. Esa maneira de terxiversar a realidade para preservar a inocencia do rapaz e evitarlle sufrimentos.
Hoxe que son nai e que me toca andar nestas lides acórdome da película e sáeme o sorriso cando me atopo disfrazando as situacións para iso mesmo.
Aínda que a mentira sexa fea, ata certo punto é mellor ca a verdade.
E alégrome de que a miña infancia tamén estivese protexida cunha manta de mentiras piadosas que me fixeron de coiraza ata que tiven a afouteza de non a precisar para enfrontar certas situacións.
Que grande é o ser humano á hora de non se render!

18.7.13

Momentos críticos

Di a expresión que non hai peor cuña ca a da propia madeira e éche ben certo na meirande parte dos casos. Os camareiros cando saen de farra son os últimos en abandonar os garitos (inda sabendo o que iso supón), os profes son os máis repunantes cos profes dos seus fillos, a costureira e o xastre poñen cara de indignación cando van mercar roupa e podería seguir a eterna listaxe...

Pois ben, o mesmo acontece cos pais, nais, coidadores, etc. que están ao asexo de "a ver como sae desta" cando outros pais, nais, coidadores... se ven nun fregado.

Fregado namber guán e un dos que máis te enfangan habitualmente.

QUERO CACAAAAAAA, QUERO CACA XAAAAA!!!! SÁEME PA FÓRAAAA!!!

E mentres o airea aos catro ventos para conseguir bastante público mírate con cara de "cando digo xa, quero dicir XAAA, así que a ver que solución me dás".

E unha vese en plena praia/parque/xardín ao rebente, sen un aseo público ou privado preto nin de lonxe e sen material que te quite do apuro, tipo panos de papel, caldeiro hello-kikky, intimidade ou un miserento anaco de papel para facer un regaliño asqueroso do que non te librarás en toda a tarde.
E o resto de ollos ao asexo pregúntanse entre OH-OH curiosos e HI-HI divertidos que a ver como resolves o enfangue, se lle deixarás botar o zurullo entre os paseantes que van recibindo baños de sol, na poza ao rebente doutros potenciais quero-cacaaaa ou se vas sacar un tapón para enchufarllo no cu do peto máxico de Doraemon...

Lonxe quedan os tempos de da-toalla-á-auga-e-da-auga-para-a-toalla...  pero así e todo, incluídos os momentos críticos, moito máis divertido, onde vai dar...

16.7.13

Vou cambiar de profesión

Este próximo curso para continuar esta dinámica de sentirme bolseira, o que por veces exaspera e por veces remocea (hai que lle ver o bo á vida sempre), voume matricular nun grao superior.
Así, ala, coa perspectiva de cambiar de vida en canto a ocasión me pase por diante.
Non vou adiantar tema para que non se me frustre, pero eu xa me vexo, xestionando cabanotes nunha praia paradisíaca, coas nenas nadando ao somorgullo pillando ourizos e o pai asando sardiñas ao espeto para que o cheiriño me anuncie a fin da xornada laboral, por lle chamar dalgún xeito.

Seino. Son pensamentos que se che cruzan coma o de que oxalá teñas unha tía avoa monxa que sempre che ocultaron e que che deixa unha herdanza multimillonaria porque reencarnaches o ideal de muller que sempre quixo ser e non foi. E de Batman a Batman corre un torrente de pasta que me abre as portas ao mundo tarta-de-fresa.

Tamén é que o rollito españoles por el mundo vende moito do que non é. Pero aí queda, na retina, para que os dentes se che poñan de cuarta e media.

O caso. Estou contenta porque, para comezar, xa me admitiron, así que o primeiro pasiño está dado. O resto, xa se verá.

11.7.13

Stop the train... I'm leaving

Stop the train I'm leaving
Stop the train I'm leaving
Stop the train I'm leaving
It won't be too long whether I'm right or wrong
Said it won't be too long whether I'm right or wrong
All my good life I've been a lonely man
Teaching people who don't overstan'
And even though I've tried my bes'
I still don't find no happiness
Stop the train I'm leaving
Stop the train I'm leaving
Stop the train I'm leaving
It won't be too long whether I'm right or wrong
Said it won't be too long whether I'm right or wrong
Some goin' east
Some goin' west
Some step aside
To try their best
Some livin' big
But the most livin' small they just can't even find
No food at all
Stop the train I'm leaving
Stop the train I'm leaving
Stop the train I'm leaving
It won't be too long whether I'm right or wrong
Said it won't be too long whether I'm right or wrong
Stop the train I'm leaving...


Hoxe vaille unha de Bob Marley. Eu tamén paraba o tren de boa gana. Éche o que ten, que só me falte facer a fotosíntese para parecerme a un ficus. Medrado, pero ficus á fin e ao cabo.

5.7.13

Que vergoña...

Coma sempre, quería escribir algo sobre Snowden, Evo Morales, as escoitas, os espías e toda esa trangallada que me avergoña non só de esguello, senón directamente.
Pero coma sempre, outra xente con máis habelencia di o que máis ou menos penso de maneira sensacional. Así que velaí deixo a ligazón.
Somos un reino (nin sequera unha república) bananeira, inda que só teñamos plátanos nas Canarias. De vergoña non, o seguinte...

http://www.comiendotierra.es/2013/07/03/snowden-por-que-no-te-callas-el-reino-bananero-de-espana/?src=lmFn&pos=2

E onte conseguín ver o programa de V Televisión no que Carlos "debatía" con Gloria Lago (a min é que vela nalgún debate ponme mal e enseguida cambio, vaia, que cambio tan axiña que onte xa nin a recoñecía de non ser porque sabía que era ela, así de capacidade teño xa para ignorar certas cousas e a certas persoas). Ai, Gloriña bendita, súa nai cando a pariu debeu quedar descansadiña, miña pobre.
Polo menos co seu cutre discurso, os seus pobres argumentos e a súa cativeza mental pon de relevo que hai xente e xente.
Non digo máis.
Joooooo, es que este señor no para de meterse conmigoooo...
Eu xa non tería nin folgos para me sentar á mesa canda ela. Seguro que nun xesto de saírche as cousas do fondo do estómago me erguería e iría cuspirlle nun ollo. Xa que o de falar, razoar, debater, concluír... non viría a nada, porque solta o seu discurso aprendido e o resto coma os cabalos, mirando para diante e sen parar, pois polo menos perder os papeis e quedar agusto.
Los del gallego, ese reducto de bárbaros, quieren volver a los castros y a sus costumbres incivilizadas...
Xa imaxino os titulares.
Menos mal que a min xa non ma poñen diante...

4.7.13

Festival na praia

Non son eu moito de pop.
Pero hei de recoñecer que o lugar é inmellorable.
Bo tempo, boas praias...
Case dá gana de ir, inda que vai ser que non, que xa non estamos para estas cousas.
De calquera xeito, non podía non darlle publicidade.
Velaí a ligazón.
http://www.festivalpopup.com/

2.7.13

Trampeando

Así lle andamos.
E inda bo é.

Polo resto, entrar hoxe na páxina de Educación dá gana de emprendela con alguén. Con alguén máis, quero dicir, ca os habituais que xa están na recámara xa case cómodos.

http://www.edu.xunta.es/web/node/9946


Este día soñei que me chegaban sobres como para vivir coa palabra sobro diario na boca.
E falo do adxectivo, e non do verbo, obviamente.

Xa sei. Esta entrada non paga nadiña a pena. Que lle queredes, algúns días a montaña rusa vai rentes do chan. Inda bo é que non descarrila.

Parabéns a aqueles e aquelas que viven unicamente mirando para si, día si e día tamén. No fondo, envexo unha miga esa capacidade de autosatisfacción e autocompracencia incluso por riba do ben común.

El haberá unha pastilliña para o tema ou só se conseguirá a través de terapia?

Mundiño este.