Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

26.7.13

Galiza non é Espanha, é Gansu

Non é meu, creo que é un twit de alguén, ou algo semellante.
Xa nin corta-pega se sabe facer. Un básico de calquera corta-pega. Selecciona, dálle o mesmo formato e le, para corrixir as posibles incongruencias.
Nin creo que faga falla mencionar a miña solidariedade coas familias, amigos, coñecidos e todo aquel que perdeu un ser querido nestas circunstancias.
Do resto de parafernalia só dicir que noxo me dá.
Dáme carraxe ver como varren literalmente as persoas que non dubidaron en botarse ás vías para tratar de salvar vidas para que tres ou catro politicachos, da caste que sexan, boten un ollo a pé de vía. É como para cabrearse, ou non?
Dáme profunda tristura a proxección de imaxes sen ningún tipo de filtración, e noxo absoluto a portada da Coz de Galicia. Vese que non eran da súa familia os mortos ou os feridos.
A sensibilidade brilla pola súa ausencia.
A liña que separa información de sensacionalismo adoita ser feble, pero neste caso demostraron, unha vez máis, a súa mala praxe e a caída continua no zoom morboso, que sempre está demais.
Dáme auténtica vergoña e síntoo polos familiares que teñen que zampar iso para sempre xa.
O de alegrarme pola humanidade que inda nos caracteriza é obvio. Xa só faltaba que por riba todo o mundo pensase en que non vai con un, ergo un non ten por que mover o cu.
Agardo que ese momento nunca chegue. Inda a pesar do "puteados" que nos sintamos.
Se eu fose Rajoy onte non daría mirado aos ollos a nin un só funcionario da sanidade, nin de ningún outro corpo de funcionarios.
Daríame auténtica vergoña saudalos pensando: xa sei que vos estou fodendo a vida e inda con todo aí estades, e eu, en cambio, só tiven que madrugar unha miga para coller un avión privado e para mandarlle ao bolseiro de turno facer un corta-pega que confunde Galicia con Gansu e un accidente ferroviario cun terremoto. Viva Honduras!
E a voz entrecortada do grandísimo actorazo que temos por presidente xa me mata, igual ca as 2 horas de misiña que retransmitiu a TVG en memoria das vítimas...
Inda ha de haber quen lle tire rédito político ao asunto.
Total, xa as vai pagar todas o señor de Mondoñedo, ao que lle acosan os veciños para saber se era un suicida temerario, se se lle puido ir a pinza ou que.
Que fácil, sencillo y para toda la familia descargar no chiviño toda a culpa así a priori, con premeditación, aleivosía e ensañamento público.

As tertulias xa para que mencionalas. O falar, desde logo, non ten cancelas.

E así nos vai. E moito máis que calo, porque podería seguir ata o infinito, pero despois xa me veñen con que son unha conspiranoica e unha repunante.

Por exemplo, que pasa co hospital de Conxo? A santo de que derivan xente á Rosaleda, que é un hospital privado e non mandan nin un a Conxo, que é o que máis preto queda da zona do accidente, é público e traballa nel xente sobradamente preparada?
A policía pechando barracas e postos de lilos variados por Compostela para que non se percibise festa (sabemos que pasan 15 días durmindo nos bancos da alameda, comendo pan con pan e coa prole en furgonetas), pero iso si, os cojones de Santiago rellenos de coco seguíronse vendendo a viva voz na zona vella todo o 25, e nas terrazas non sobraba nin unha cadeira, aquí non se pechou máis ca o dos ambulantes, o resto, ao rebente. Ao débil é fácil pecharlle o chiringo, ao forte haille que dar máis razóns, que queiras que non, era 25 e en Compostela non cabía unha agulla.

A hipocrisía é un mal moi estendido e asumido.
Ou quizais xa só é sensación miña.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...