Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

24.7.13

O día da patria

Xa non recordo a primeira vez que subín no bus a Compostela para festexar o día da patria... Quizais haxa xa 20 anos ou máis.
Non tiña nin a máis lixeira idea do que viña sendo a patria nin ningún outro tipo de sentimento cara a ningunha terra, nin lingua, nin filiación de ningún tipo.
Pero un grande amigo meu, moito máis vello ca min, chegou cunha camiseta posta un día de agosto. Na camiseta estaba o mapa de Europa e dentro de Europa unha Galiza pintada de vermello e xa non recordo o lema. Pero deixoume pensando.
Coma esas pequenas cousas que acontecen e que parece que pasan de esguello pero despois retornan nun momento e fanche meditalas.
Ao ano seguinte estaba con el e con moita outra xente que despois se foron convertendo en parte importante da miña vida, polas rúas de Compostela. Unha cidade que inda non visitara xamais e que coñecía só por referencias ao apóstolo. Ese mesmo ano retornaría, ¡camiñando!, nunha especie de peregrinaxe coa miña parroquia. Creo lembrar que era ano xubilar e por iso se organizara o tema, ou non, xa non lembro. Sei que practicamente fomos os mesmos, así que xa vedes a calidade das reflexións políticas e ideais.
Primeiro reivindicando patria, ateísmo, republicanismo e autoafirmación e despois coa parroquia a patas para asistir a unha misiña. Para ir mexar e non botar gota.
O caso. Ese ano foi o primeiro de moitos, nunca interrompidos, que me acheguei a Compostela polo 25. Algúns anos recórdoos máis intensamente ca outros.
Porque tirar de manta e tortilla fría e compartilo cos amigos sempre é algo para recordar.
O dos sentimentos, ideais e outro tipo de cousas foron sufrindo variacións.
Desde esa unidade de sermos catro gatos tratando de razoar unha visión do mundo, ata ver pelexas por subir ao escenario a xente que di ti que se parecía a min o ano da manifa e da misa. Vamos, que subían aí como podían subir refregarlle o xustillo a Alejandro Sanz (por poñer un que me vén á cabeza) nun concerto seu nunha praza de touros. A vida é así, inzada de oportunistas, que non de oportunidades (que tamén, ás veces).
Algún ano deixei de ir.
Os amigos tamén deixaron de ir. Algúns.
A vida lévate por outros derroteiros. As circunstancias persoais e familiares.
A tortilla xa non é de ovos da casa.
Hainos que seguen intentando facer país.
Hainos que tiveron que deixar o país.
Hainos que se puideran poñerlle un petardo ao país tamén o farían con gana.
Este ano non sei que farei.
Xa non está a caseta do amigo que vía unha vez ao ano desde que compartimos residencia de estudantes na universidade. Só nesa ocasión. Viámonos. Poñiámonos ao día. A última vez presenteille as pequenas. Regaloulles os libros cos que se bañan aínda hoxe. Os Bolechas resistentes. E agora xa non virá porque a empresa crebou.
Tampouco virá a da libraría. Estes días está pechando.
O merchandaising xa non é unha coidada camiseta pintada con total conciencia e coñecemento de causa. Xa son madeinchina a fío con lemas que ás veces fan graza e outras dis ti: pero meu home, para onde queremos ir parar? E un lote de tarecos máis que non veñen ao conto.
Hai que ir cos tempos.
E haberá.
E no da política. Pois eu xa non sei que diga. Será que tamén hai que ir cos tempos.
Mañá vou, dependendo do tempo. Do humor. Do ánimo. E de como teñan as pequenas o día.
Así que o deixamos a esa clase de condicionantes.
Os amigos, a poder ser, heinos ver igualmente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...