Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

16.7.13

Vou cambiar de profesión

Este próximo curso para continuar esta dinámica de sentirme bolseira, o que por veces exaspera e por veces remocea (hai que lle ver o bo á vida sempre), voume matricular nun grao superior.
Así, ala, coa perspectiva de cambiar de vida en canto a ocasión me pase por diante.
Non vou adiantar tema para que non se me frustre, pero eu xa me vexo, xestionando cabanotes nunha praia paradisíaca, coas nenas nadando ao somorgullo pillando ourizos e o pai asando sardiñas ao espeto para que o cheiriño me anuncie a fin da xornada laboral, por lle chamar dalgún xeito.

Seino. Son pensamentos que se che cruzan coma o de que oxalá teñas unha tía avoa monxa que sempre che ocultaron e que che deixa unha herdanza multimillonaria porque reencarnaches o ideal de muller que sempre quixo ser e non foi. E de Batman a Batman corre un torrente de pasta que me abre as portas ao mundo tarta-de-fresa.

Tamén é que o rollito españoles por el mundo vende moito do que non é. Pero aí queda, na retina, para que os dentes se che poñan de cuarta e media.

O caso. Estou contenta porque, para comezar, xa me admitiron, así que o primeiro pasiño está dado. O resto, xa se verá.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...