Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

22.8.13

De volta

O bo vai tocando o seu fin, as cousas boas sempre nos parece que duran un ai, inda que duren o que duran. A relatividade xa se sabe o que ten.
Por primeira vez fun ao circo, menos roñoso do que esperaba, incluso o pasei ben.
Pisei mil praias. Bañeime no mar coma se non houbese mañá. Apañei cunchas, caranguexos, lorchos, estrelas de mar, pedras bonitas, boias e moitas outras bonituras que nos daban os areais. Vin paisaxes fermosas e postas de sol. Reconcileime con moitas malas hostias que levaba antes de que as vacacións comezasen.
Teño como propósito querer só a quen me queira e ignorar todo o demais.
Tamén me pasaron curiosidades, pero disto xa falarei.
Anoto que o Aquapark de Cerceda é unha porcallada do peor que teño atopado polo mundo e que tamén hai algunha xente que está no espazo porque a pariron, pero por case máis nada.
As nenas fixeron inmersión lingüística e o "yo" foi deixando paso ao "eu". Agora volveremos á casa, á escola, ao medio cotián e todo volverá esluírse, ata a miña ilusión de que a lingua materna é a que prevalece por riba de todo. Non digo que co tempo... ou quero confiar que co tempo...
En fin.
Xa logo de novo a rutina.
De volta.
Un bico a aqueles e aquelas que pasades por aquí.

E logo de pasar polo blogue de Carlos e de escoitar a Caetano Veloso, copio o seu vídeo que me vén máis acaído imposible.
Nin un minuto a disgusto, se podo evitalo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...