Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

12.9.13

Dexter, rutinas, escolarizacións e máis...

Nótase que comezou setembro a fondo porque na parada do bus, ás 7 da mañá, xa somos máis de dous gatos perdidos e xa non só me cruzo coa máquina de lavar as rúas por Compostela. Incluso bato con rapazolos que me preguntan abertamente se quero sexo voluntario, consentido e baixo as miñas directrices, que non queren marchar para a casa cargados de amor.
Si, o que non me pase a min non lle pasa a ninguén.
Houbo unha época, creo que xa o comentei, que tiña soños tan vívidos que recordaba tan ben ao espertar que a miña vida era unha continua confusión de realidade e ficción. De aí que todo me pase a min, inda que ás veces non estea segura de se foi certo ou non.
Vouno tomar coma unha especie de sacarlle tempo ao tempo e ter máis vivencias ca ninguén nunha única vida para vivir.
Unha sorte, vaia.
O caso é que a escolarización ao final parece que se produce con éxito. As nenas van contentas e para o sitio da titular veu un rapaz chamado Ramón. Inda non puiden velo cara a cara, que eu son moito de primeiras impresións certeiras, pero polo de pronto onte leulles un "conto máxico" e deixoulles probar o váter ás nenas. O do váter supoño que é lugar común de todas as familias, hai unha época en que é entrar nun sitio (bar, museo, casa allea, restaurante, edificio público...) e hai que pasar necesariamente polo váter, inda que aos dous segundos escoites o esperado "non sae".
Claro que non sae, é imposible unha vexiga que mexe tantas veces na tarde ou un esfínter que solte tantas veces ao día, pero é que o mundo da decoración dos váteres públicos é un paraíso aos ollos dos infantes e das infantas.
Pois iso, que xa foron ao seu lugar favorito e leron algo "máxico", si, máxico con X de xamón...
que ilusión
Ramón,
que a túa primeira intervención
leve o x de xamón
...
Non me coñeces, pero de seguires así,
farasme feliz
tan feliz
coma unha codorniz
(sei que é perdiz, pero como son moito de rillar e xa case teño fame, váiseme para aí o sentido poético, cara ao práctico)

E máis cousas de setembro. As series. Volvemos ao frikismo retomando a última temporada de Dexter... cun personaxe que a ver que pasa con el. Non vou facer, coma sempre, spoiler, así que teño que ter as mans quietas e a boca pechada.
Despois de Dexter xa seguiremos con Newsroom, Breaking Bad e non sei cantas máis temos aí na recámara. Por recomendación de Vilasó e Vítor imos ver Orange is the new black... e xa comentarei o tema.

E hoxe piscina... fanse tan grandes e autónomas á volta das vacacións que case non dá tempo de reaccionar.
Polo resto, intentando mellorar e rebaixando o nivel de andar á defensiva.
Hai que andar, dicían os vellos, pois iso, hai que andar!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...