Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

5.9.13

Facéndose grandes

Así é como transcorre a nosa vida ultimamente. Facéndose grandes e gañando en autonomía e iniciativa, que non é pouco.
A inmersión lingüística funcionou e estouna gozando a tope mentres non empeza a escola (si, é un feito, xa me vou afacendo á idea de que nos varrerá sen escrúpulos nin compaixón). Teño un vídeo no que unha fai de peiteadora e a outra de clienta no que ata di: "vou ir amodiño, vale?"... supoño que moitos non me comprenderedes, pero eu míroo e remíroo por se ten que quedar para a posteridade ou para metelo nun museo dos recordos ese "amodiño".
Onte a ministra de Fomento dicíalle aos cataláns que non pensasen en "tonterías".
A cousa funciona así, cando tes boa saúde, pides cartos, cando tes cartos, pides amor. Se tes que ir a unha festa e vas campando cunha bategada de graxa atravesándoche o peito, seguro que che anubrará o demais. Funcionamos así. Para ben ou para mal.
Quen ten fame non pensa en estampas.
Pero supoño que a ministra non se referiría a iso, porque entón apaga e ímonos. (isto é ironía, inda que non se note). Concentrémonos todos na pobreza de corpo, que a de espírito non é esencial...
O grande argumento de dereitas para escachizar a educación, a sanidade e o investimento en cultura, ciencia, etc. Centrémonos en que temos fame, paro e un longo etcétera de necesidades non "superficiais".
É obvio que estou de acordo co fundamental, que é que todos gocemos dun estado de benestar, é que xa non tiña nin que existir a pobreza "física" a estas alturas (a outra creo que é un traballo máis complicado aínda ca esta).
Ninguén debería ter que vivir un drama persoal se se pon enfermo, queda sen traballo ou comeza o curso escolar.
Pero polo visto é o que toca e é no que temos que pensar todos. Di a ministra e dio a dereita.
Se o penso moito, síntome mal cando merco un xeado, tomo un café ou claudico ante as peticións e volvo cun libriño ou cun xoguetiño para a casa.
Se vou á piscina, se merco unha chaqueta, se vou depilar as pernas no canto de pasarlle un tizón...
Son tan superficial que me dou noxo.
Malgasto os meus pingües xornais en vivir tirando a casa pola ventá! Canto malgasto!
Pensando en cousas como a lingua e a cultura que van absorber as miñas pequenas, cando o que debería pensar é que os chándales e as zapatillas son carísimos, o comedor inaccesible e que agardemos que non nos xurda un imprevisto máis que nos arruine a planificación da economía familiar.
Que me debería importar en que lingua lles falen? Que me debería importar a estabilidade da xente que lles dá clase? Que me debería importar se chaman unha empresa privada para facerlles inmersión lingüística en inglés, of course!? Que me debería importar que teñan que debuxar a cruz de cristo por dentro e de marrón para que sexa realista?...
Facerse grandes neste mundo é complicado. Moito traballiño temos por diante...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...