Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.9.13

Fascinada

Estou fascinada cun escritor-ilustrador que coñecía dun libro, pero no que nunca reparara.
Desde que as nenas atenden os contos que lles lemos con máis interese, sempre lles digo quen é o autor e quen o ilustrador, para que vaian aprendendo que os contos non "nacen" espontaneamente, senón que son froito da habelencia e da imaxinación dunha ou máis persoas.
Pois un día na biblioteca (que lugar máxico e que mágoa que se maltrate e se vapulee deixándoos sen recursos e queimando o persoal), collemos un libro dun verme que vai comendo de todo.
É este:
Gustounos moito, pero quedou aí o tema.
Unha vez que comezaron a escola, e con ese medo paranoico que me entra de que non se convertan en persoíñas que sufran se non pintan o mono de marrón, o sol de amarelo e as bonecas loiras e con vestidos en tons rosas, procurei un ilustrador que se desmarcase un pouco. E recordei un de que me falara xa outra nai coa mesma teima.
Non recordaba o nome, pero recordaba que era o autor dese libro do verme que xa andara pola casa. Pasamos pola biblioteca e voilá, o universo Eric Carle ao noso alcance (non o teñen todo, pero si abondo para comezar).
Estou en agradecemento perpetuo á biblioteca municipal, e creo que axiña iremos frecuentar a do cole, que alí tamén debe haber moito onde escaravellar.
Dos dous títulos que temos, encántanlles os dous ás nenas. Lémolo ata que xa o saben de memoria, e despois imítanme.
Dá risa ver como din: A adaña taballadoda, esquito pod edic cal-le.
Non sei se a Eric Carle lle había gustar verse, pero se eu fose el, non me cabería unha agulla polo cu do orgullo.
Déixovos a ligazón, por se gustar: http://www.eric-carle.com/home.html

E déixovos as imaxes. Para alegrarlle a pintiña a este blog.
Só un apuntamento. Cando miro por aí experiencias educativas, ou atopo material que me emociona, teño un remexido de sentimentos encontrados, deses que che acaban por facer pensar: maldita sexa, había que matar algún ministro cuadriculado...
Este estámolo aprendendo de memoria

Este espero mercarllo para o aniversario
Este agardo mercalo tamén

Este tamén nos encanta, xenial!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...