Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

2.9.13

O que ardeu, queimouse

A verdade é que este verán cundiu así daquela maneira. Hoxe lin algúns post de xente, incluso artigos, dándolle a despedida ao bo: aos amigos, ás tardes de praia, á familia, á vida sen apuros marcados polo reloxo...
E agora de novo horario de oficina. Obrigas. Esperas na marquesiña do bus. Friaxe nos pés. Apuro para espremer as horas de actividade ata o límite...
Volvo co corazón abrigando a idea de que as cousas poden cambiar pronto e que axiña veremos luz ao final do túnel. Das opcións que fun escollendo, para ben ou para mal, non vou falar, porque non quero verme de novo na tesitura de ter que anotar nunha páxina proles e contras.
Case todo nesta vida escapa, en maior ou menor medida, ao noso control. Hai veces que as cousas están de ser ou non, non se pode intervir demasiado nelas, porque só conducen á frustración.
Probablemente sería máis feliz e realizaríame máis escollendo outras opcións... pode ser. Pero vou intentar contentarme coas que teño e tirarlle o máximo partido de que sexa capaz.
Logo ha comezar o curso e a ver que pasa.
Traio dous propósitos para este novo período que comeza: estudar coma se non houbese mañá (comprométome comigo mesma a estudar para sacar o ciclo no que me matriculei, porque nunca sabes onde estará a oportunidade) e aproveitar o tempo para non descoidar a ninguén que me importe.
Así teña que ofrecer todas as fins de semana chocolate con churros de gratis para quen lle prouguer...
Desexo que as miñas compañeiras e os meus compañeiros profes substitutos e interinos teñan a sorte primeiro de que os chamen, e despois de que o destino sexa agradable e longo...
Están os tempos daquela maneira para todos.
Encetando o mes, mordan vostedes con ansia, que este non ha volver tampouco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...