Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

18.9.13

Os soles

Un dos meus rebentos aprendeu a debuxar soles, soles raros e divertidos coma ela.
Colle un bolígrafo coma se collese o cabo dunha corda, con forza, e traza o que quere ser un círculo. Despois faille moitas patiñas arredor, que máis parecen os pelos ao vento dun espeluxado ca os raios do sol e, por fin, píntalle dentro con amarelo como ben pode.
Inda que estes días di que o sol é madón, pero no cole non teñen demasiados pintos, así que nunca pode ter o madón para ela e volveu ao amadelo.
O outro rebento é máis creativo e os seus trazos poden ser calquera cousa: polbos, cangrexos, trasnos, unha festa, a súa familia, un oso panda... E cando pode escapar da supervisión, no canto de no papel, gasta tinta pola alfombra, o chan ou o sofá, onde lle dea a rapidez.
Vinas tan grandes dándolle con tanta ansia ás cores sobre o papel... que pensei que era cuestión de tempo que deixasen de chorar por iren á escola.
Despois coñecín os compañeiros e as compañeiras, e vin os seus debuxos, representándose a si mesmos, ou animais, ou o que sexa, tan ben trazados xa. E quitándolles meses e anaco en altura e madureza.
E entón parecéronme tan pequenas, tan inmaturas para ter que facer a súa xornada escolar sen soltar a bagulla que me doeu no corazonciño.
Se o mundo puidese ser outro, este ano dedicabámolo a coñecer o medio e a coller os pintos máis amodiño, moito máis amodiño...

Hoxe quixen traer un dos soles e un dos trasnos, pero esquecinme, e xa os boto a faltar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...