Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

9.9.13

Xa sei que ultimamente non escribo nada...

...é que me vai a man cara ao persoal e tampouco hai necesidá.
Esta fin de semana fun á feira do románico de Negreira. A xente non sabía moi ben se estaba na idade de pedra, de bronce, románico, gótico, renacemento ou reconquista. Directamente vai aos chinos e pide algo para botar ao lombo.
Polo menos mentres mirabamos a cetrería dábame algo de risa aquel raparigo co arco ao lombo dando as clases aos pequenos cunhas medias de escuma grises por entre as que lle saían os pelos, unhas zapatillas do décathlon e uns calzóns negros por riba, que só lles faltaba poñer Armani en goma branca e negra...
En fin. O caso é que paseando por alí (en realidade a nosa intención era visitar o pazo, que non sei se unha lenda urbana ou que, nos transmitiu que ese día se podía visitar tanto xardín coma arredores e instalacións, e mira, nós vímolo bastante inaccesible e ninguén que ofrecese tamaño privilexio), pois iso, que paseando por alí un meniño achegouse a un posto de tatuaxe (super-románico, por outra banda) para preguntar canto lle custaba facer un. O dono do posto, con bastante cara de aqui-non-vou-rañar-nada preguntoulle se levaba cartos, e o raparigo, espelido, díxolle que si, e o señor champoulle, sen se cortar nadiña: pues serás el único de tu pueblo... vese que non fixo unha tatuaxe nos tres días de feira. O rapaz non sei se colleu a ironía ou a mala hostia, pero despois vino pasar e non levaba tatuaxe ningunha.
A min isto das feiras medievais, románicas ou como lles chamen suscítame unha especie de amor-odio. Amor porque pasas o día gratis vendo espectáculos: malabares, paxaros, curiosidades... e iso, queiras que non, agradecémolo os de humildes-plans-para-pasar-a-fin-de-semana, que non todos os días está o tempo ou a gana para tirar de coche e bocadillos, peeeero, por outra paréceme unha ruindade histórica empobrecedora de mentes. Alí había rapaces disfrazados de trogloditas e outras de puti-princesas-disney que eu xa non sabía se me mancaban na vista ou na conciencia...
O caso é que á xente gústanlle e xa está. Non digo máis nada.
Salvo algunhas coma a feira franca de Pontevedra ou o Arde Lucus en Lugo que non son, ou polo menos a parte que ten que ver coa organización, unha aberración completa. Unha e outra préstanse para evocar, rememorar ou vivenciar certos momentos históricos e o que iso implica.
Teño que dicir que, de todas as que fun, o desembarco viquingo de Catoira foi a que máis me arrepiou. Nunca tanto botellón histórico foi tan admirado.  Unha vez e nunca máis.

Pois iso, que volvendo ao título, vai moito que non escribo, porque se me vai o tempo noutras cousas, xa case non prendo o ordenador para o vagar. As miñas sereíñas van empezar á escola, sen docente asignado, así que irán ás cegas, sen reunión previa nin ese proceso do que presume a consellería nese libro en que describe os brazos amorosos que reciben os meniños que van entrar ao sistema.
Neste caso non sabemos nin se serán brazos de home ou de muller, nin se falará ruso ou chinés... En fin. Deste tema case mellor non falo, porque me quento e despois non me desincha a vea ata ben entrada a noitiña. Non paga a pena. Colléndoa como veña e despois xa imos vendo.

O resto, todo igual. Como con toda probabilidade diría Ana Botella, outra que sempre me fai rir (amargamente, teño que dicilo), the last monkey is a little to say... pois iso. Compensando unha cousa con outra para que non me dea un día un paralís e bote a correr estilo Forest Gump.
Quédome con ese gran discurso que me deron en semiestado de embriaguez, pero que por iso considero máis sincero aínda: o desperdicio de recursos dóenos a uns poucos, outros viven e prosperan grazas a iso, o mundo está así montado.

El será verdade, relacionado con iso do ying e do yang, de que para que haxa pobre ten que haber rico e para que haxa sans ten que haber enfermos, para que haxa listos ten que haber parvos... e etcétera, etcétera, etcétera.

Beixiños a tod@s cant@s por aquí recalades, sinto non ofrecer nada mellor...


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...