Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

14.10.13

Autoridades

Hoxe déronme unha lección, sen eu pedila, así case coma de mala hostia e todo. Hai xente que dá leccións sen que llas pidan, é unha cuestión de carácter, seica.
O caso é que eu son moi de valorar o feito a man, o artesán. E leo sobre o tema, intento coñecer o que se fai aquí, e acolá. Para min un zoqueiro, un cesteiro, un ferreiro, un ebanista, un oleiro, un acibecheiro... todos son artesáns. Inda que algunhas pezas che parezan bonitas ou feas, no que se refire á estética, quero dicir.
Eu prefiro a olaría de Buño ca a de Niñodaguia, ou os cestos de Entrecruces ca os da Pobra, pero é porque son os da miña zona.
O caso é que non, eses non son artesáns. Son oficios en desuso. Coma o afiador ou o acomodador do cine, supoño.
Os artesáns son os que fan cousas bonitas, de adorno: pendentes, aneis, pulseiras de coiro...
Os oleiros que fan figuriñas serán artesáns. Os que fan cazolas supoño que non.
As palilleiras que fan manteliños si. Se son puntillas para toallas... ou para os visos... non sei, andaranlle aí, aí...
Os ferreiros que fan cabeceiros retortos serán, pero se son trespés...
E os reloxos de sol seica os fai calquera albanel.
(Meu pai vai ter que poñerse ao choio, que esa lección debérona dar cando el non estaba.)
E os arquitectos deseñan hórreos. Como está o sector!
En fin. Que eu, mandadiña como son, digo si e si dúas veces se cómpre, pero pola noite vou reler o Galicia Artesana, para ter ben presente que os que fan as gamelas deixando as súas mans nelas son artesáns, e as súas pezas artesanía, aínda que non se poidan colgar das orellas ou nas paredes do comedor.

(...)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...