Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

8.10.13

Cataquín, cataquín, cataquín, cataquín...

Se eu fose unha moderna,
igual se tomaba isto por poesía deconstruída
ou posmoderna
ou racha-coa-pana


Como non son unha moderna, son só iso, un cataquín, cataquín, porque onte unha nena no parque xogaba a ir montada nun cabaliño facendo eses sons.
Pensei que só eran dunha xeración pasada, de cando xogabamos a vaqueiros e indios.
Os nenos de agora xa teñen esa conciencia politicamente correcta de non disparar a minorías étnicas.

Hoxe quédome con que quizais Colón non fose Colón e fose Pedro Madruga, se é que a onde non chegue un galego... seguro que ía co coitelo de matar os porcos e pasando por riba de todo, coma o cabalo de Atila.

E sigo cabalgando coa cabeza, cataquín, cataquín, cataquín... como se a metade das cousas da vida non fosen comigo, porque se non é demasiado para unha soa.

Dicía unha veciña miña, que tiña unha enfermidade grave que lle minguaba a súa capacidade para case todo, que por sorte ou por desgraza, non tiña forza para facer nada, pero por ter oídos tiña que oír de todo e vivir con iso.

Xestionando,
coma un poida

Sen violar a ninguén. Nin sequera a Pedro Madruga se foi un gran desgrazado, ou a Colón, que mira a que lle montaron sen ter oficio nin beneficio. O mundo é un despropósito.

Se para ser igual a alguén teño que machacar cabezas paso de todo. Se para que as mulleres sexan coma os homes hai que mexar de pé, chuspir no chan e rañar a entreperna, case que paso...

(probablemente isto non se entenda, é porque está descontextualizado, non é que perdese o escaso xuízo que me queda...)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...