Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

22.10.13

Escola pública

Da miña escola pública recórdoo todo con grande cariño. E de todo aprendín. A pesar do precario. Os meus primeiros 3 ou 4 anos percorrín unhas 6 ou 7 aulas distintas: o baixo dos concellos, o local social da igrexa, unhas aulas dun antigo colexio, outras vellas aulas doutra escola, uns barracóns improvisados, un cole de nova construción...
Os anos oitenta pillaron sen infraestrutura o boom de natalidade.
E piquei con punzón, fixen gravatas de madeira, maquetas de marquetería, paxaros e avións de papel, cadernos rubio, palaus e debuxos seguindo as liñas.
Dona E. facía estiramentos para que non lle caesen os peitos, don M. aprendíanos a cantar Na beira do mar, no canto de aprendernos gramática e literatura, don F. facíanos recitar de memoria ríos, montañas e capitais do mundo, don E. dábanos coa regra nos dedos se non sabiamos a táboa de multiplicar.
E xoguei. Xoguei ata caer de cu. A brilé, a fútbol, a correr, á corda, á goma...
Tomei ración de leite cando nos faltaba calcio, e enxaugueime con flúor no medio do recreo para promocionar a hixiene buco-dental...
E ata fun de excursión ver o Valle dos Caídos, adornei beléns, entoei panxoliñas e dramaticei coma se me fora a vida no tema o Adiós ríos, adiós fontes...

E fixen mil amigos. Aprendín que uns van máis lentos e outros máis rápidos. Que a lección se pode comprender ou saber de chapatoria. Que o inglés é importante, pero o galego tamén. Que hai que ser competitivos, pero ambicionando selo facéndoo sen sacrificar a felicidade, a túa e a dos que te rodeen.

O instituto veu ser máis do mesmo. A señora todotetas recitaba as leccións mirando ao teito, o señor guarracedo quería que amases o Quixote tanto como el o viño, o de filosofía explicábache que non hai que dicir a todo si e amén, a de latín entraba pola porta co sorriso de que ben o pasei onte á noite, a de lingua dicíache que eras tan repunante que se a escola fose unha peli e ela chorcheneger xa tería liquidado o asunto a golpe de ratatatatá...

E latei. E argumentei o porqué de latar. E fíxenme responsable dos meus actos, para ben e para mal. E todo se converteu en facilitador do mundo real, do que estaba aí fóra, máis alá da forma, aprendemos a base de moitos puntos de vista o que subxace no fondo.

E foi calando.

E todos aqueles que vivimos os peitos firmes de dona E., que recitamos a táboa, os ríos, as capitais, que sufrimos os desvaríos dos amantes dos libros, das linguas mortas e das opinións subversivas hoxe somos avogados/as, biólogos/as, médicos/as, enxeñeiros/as, técnicos/as, empresarios/as, profesores/as, mestres/as, arquitectos/as, aparelladores/as...

Xente que saíu ao mundo real con ganas de aprender, de profesionalizarse, de traballar, e que hoxe ten (ou non) fillos que comezan a escolarizarse. Con tenrura miramos as novas xeracións e pensamos en se serán tan felices coma nós co seu punzón na man picando un miserento papel cun círculo pintado de vermello. Para sinalar que alguén estaba no váter e non se podía entrar, aprendendo seguridade viaria e respecto pola intimidade dos demais...

E despois escoito a dúas estudantes universitarias coas que alterno ultimamente que a folga lle tira dun pé, que si, que moi concienciadas con que ten que haber educación pública, pero que non están para andar perdendo clase, que despois os profes queren recuperala e se lles xunta o choio.

E  entón é cando  bato co fociño contra a realidade.

Ao final, só nos implicamos cando nos toca de cheo. Mentres un vaia salvando o seu cu, pois vaise desvinculando. Oxalá os meus ollos visen o xoves unha grandísima marea verde que nos devorase a todos e nos fixese ser conscientes de que os aparelladores, médicos, enfermeiras, políticos, avogados, bombeiros, técnicos, empresarios, investigadores, nais e pais de mañá teñen que ser formados agora.

Os nosos foron outros tempos. Con outras carencias. Pero con horizontes positivos e esperanzadores.

Os seus son estes. Con tantos medios ao seu alcance, que dá noxo que llelos couten e llelos invisibilicen.

Os pais e nais da miña xeración eran, na maioría dos casos, humildes. E nós, os seus fillos e fillas, os primeiros da familia en pisar a universidade. En optar a unha vida máis descansada. Mellor remunerada.

Os pais e nais da xeración das miñas fillas son xente formada. Máis descansada ca os seus antepasados. E criamos nenos e nenas aos que lles queren roubar o futuro ao poñer un pé fóra da casa.

Digo non á privatización, ao adoutrinamento, á masificación, ao capitalismo voraz, ao aleccionamento non-crítico, á falta de recursos, á escaseza de atención á diversidade, á uniformización do pensamento.

Digo un grandísimo NON ao DESMANTELAMENTO DA EDUCACIÓN PÚBLICA, un grandísimo NON á DESACREDITACIÓN DO TRABALLO DOCENTE e do ninguneo e vapuleo ao que se ven sometidos por parte da Administración e de parte da sociedade.

Eu DEFENDO O ENSINO PÚBLICO. QUE É DE TODOS. PARA TODOS.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...