Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

2.10.13

Garantía de risa

Cando un neno ou nena comeza a descubrir o mundo e o poder da linguaxe, a vida vólvese divertida non, o seguinte.
Teño unhas cincuentamil anécdotas de tomar todo polo literal, de non abstraer, de trabucarse nos conceptos, para comezar a contar e non parar.
Unha das miñas pequenas é bastante reflexiva e pensa as cousas antes de dicilas. Ademais, tamén ten un estraño sentido da responsabilidade, non sei se impropio para a súa idade, e entón dános pouco material, pero a outra é un non parar de ideas cada unha mellor. Ademais, o que ten ese bilingüismo raruzo que están vivindo, no que a familia é galegofalante e o resto do mundo mundial castelanfalante e os debuxos falan algo que aínda non identificaron (creo que xa dixen nalgunha ocasión que as canles "delas" só se oen en versión orixinal, o que toque, basicamente inglés), pois dá para infinitas trapalladas.
Algunha provocada pola lingua, por exemplo.
Nena chega cunha flor enorme e pregúntanos:
Como se chama esto?
Flor
Nooooon, eeeeesto!
Ah, pétalos.
Los peto?
Non muller, brutiña, chámase pétalos, non de petar.
Vale, pois los peto (e dálle uns golpes secos á pobre da flor)

Mami, a min me gusta a chuiva moito.
Si? Gústache cando chove?
Si, me la lambín e estaba rica.

(o excesivo uso de pronomes non sei de onde sae, pero o "eu me los collo" para apañar xoguetes oímolo cen veces ao día)

Onte déronme unha clase teórica moi ilustrativa, sobre o outono en xeral e as árbores en particular. No mundo hai moitas árbores perenes, caducas, flores, palmeiras, pinos...

Tamén hai outras que non van coa linguaxe, senón coa súa percepción do mundo. Hai xa tempo, tiñamos que ir a unha festa elegante e estaba a avoa vestíndoas e peiteándoas. Despois de velas, por fin, sen chándal ao lombo, mira para elas e dilles: hoxe si que ides guapas, hoxe sodes dúas princesas. Unha delas, encantada da vida de ir de princesa, a outra champoulle: ai, pois eu de princesa non quero ir, eu quero ir de bombero!

(pensou que cada un podía disfrazarse do que quixera...)

Ultimamente temos as risas garantidas na nosa casa. Vai ser un outono interesante.

A cara que che queda cando dis en alto, toda crida nai moderna educativa que le contos sen ter hora concretada:
Onde compra Braulio Bolechas a froitaaaa?? (coa lámina aberta)
NO MERCADONAAAAA!!!!
Que brutiñas sodes, ho, como a vai comprar no mercadona?
NO CARREFUUUUUURRRRR!!!!

(prométovos que a froita a mercamos na froitaría, igualiño ca os Bolechas...)


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...