Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

3.10.13

No bus

Mentres esperaba o bus para volver á casa chegaron á parada dúas rapazas, unha dus 13 ou 14 anos coa irmá, duns 8 ou 9 e puxéronse ao meu carón.
Comezaron a falar entre elas todas desenvoltas (levaban uns chándales dun colexio relixioso algo subido, de aí a miña estrañeza), e puxen a orella só para deleitarme e pensar que aínda hai futuro. Dúas rapazas, de colexio privado, ben guapiñas (este é un prexuízo, non o esquezamos, que asocia pijos e guapos a unha lingua e outros a outra, non digo máis), falando polos cóbados cunha fonética espectacular e cuns xiros que se aproximaban aos do ShinChan. Encantoume, vaia.
Así que no bus púxenme diante delas, para seguir enredando, claro, e consolándome de que algún día poida oír as miñas fillas e pensar o mesmo, inda estando nun medio, a priori, hostil para desenvolverse en galego totalmente.
Antes de arrincar, subiron dous compañeiros delas, tamén veciños meus, polo que intuín. Un deles máis pequeno ca elas e o outro máis grande. O grande non bochicou en todo o camiño, pero o pequeno parecía que almorzara lingua.
Empezou a falar con elas de cabalos (parecía que os tres ían ás mesmas actividades con cabalos) e entón pasou, pasou o que me defraudou, o primeiro intercambio foi en cadansúa lingua, pero despois as dúas irmás pasaron ao castelán, incluso entre elas.
O outro non deixaba de laretar, veña cabalo para arriba, cabalo para abaixo, e elas íanlle contando tamén as súas anécdotas moi contentas e expresivas.
Nun momento sooulle o teléfono e como era o pai lanzouse a darlle as oportunas explicacións de novo en galego.
Ao chegar ao noso destino, baixaron os rapaces e despedíronse delas.
Ao pechar as portas dixo a pequena: contró, este rapás non cala nin debaixo da augha!, moita cousa eh! E a grande escachou a rir e espétalle: vamos, que pa mozo teu non valía o laretas, latricou media hora seguida sen parar...
Na seguinte xa baixamos as tres...
Quizais cos anos, estas dúas, en vez de cambiarse elas, provoquen que cambien os demais, inda que só sexa polo guapas, desenvoltas e espelidas que parecían.
Pero así, de entrada, ou se é falante consciente, ou se perde sempre...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...