Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

18.10.13

Remata a semana

E esta fin de semana prometido que, como moito, imos polas pozas, vemos ourizos, collemos castañas, apañamos follas e pouco máis. Necesito parasitar un pouco si ou si.
Desta semana quedo con que as nenas fixeron XA tres anos, o tempo pasa rapidísimo. Vendo as fotos da festiña que fixemos dáme moita risa, pola alegría que se percibe, e algo de impresión, porque calquera día xa temos conversacións sobre o plan de política exterior europeo... o tempo pasa tan axiña que nin te decatas.
Siguen dándonos moitos motivos de risa coas súas confusións. Antonte unha delas pediume que lle sacase o papel ao plátano, e eu corrixinllo por monda. Despois meteuse a remexerme entre os meus apuntamentos do curso e pregúntame: podo coller estes... estas... mondas????, con cara de "isto ata onte era papel, pero en fin, se agora teñen que ser mondas...".
Onte na piscina coa présa que tiña para arrombalo todo, deixei a unha sen bragas e pola noite dille o seu pai, "home, viñeches da piscina en comandos", e responde, "si, pero... con que mandos? que mandos traín???".
En fin, son o mellor da vida, é imposible non estar contento téndoas arredor.

E máis nada. De como está o patio vou aforrar dicir nada. O que ten ollos xa ve. Moitas cousas danme vergoña, e pena, unha croqueta feita con todo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...