Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

28.11.13

O nadal

Hoxe lin o artigo de Moncho Alpuente, porque era algo do que quería falar, dos programas de solidariedade ruín, de sentar un pobre á mesa e todas esas cuestións.
El cóntao tan ben e con tanto humor negro, que nin por máis que esforzase a miña retranca alcanzaría a chegarlle ao calcetín.
Así que aquí o deixo. Que vostedes saquen o riso amargo como o saquei eu.
Se iso pasa, eu pido sentar na mesa da Preysler e, con perdón, poder deixarlle a cea nun dos seus múltiples cuartos de baño, para non traer nada desa xente para a casa.

http://blogs.publico.es/tedetesto/2013/11/27/navidades-en-negro/

25.11.13

The only one, the only one...

O 25 de novembro é o día internacional contra a violencia de xénero.
Xa sabedes que eu fuxo moito dos días conmemorativos, son máis do día a día. Estou con Lois Pereiro cando se pregunta para que se quere un poeta vivo, se non se sabe que facer con el... (os que teñades curiosidade, achegádevos á súa obra).
O caso é que nestes tempos tócame volver revisar todos eses estereotipos e roles que, sen querelo e case sen poder loitar contra eles, se van inculcando desde a infancia.
O rosa. As pezas de roupa. As actitudes. Os xoguetes. Os xogos. O rol no grupo. A publicidade que os bombardea. As letras das cancións. As películas... En fin, unha ristra de cousas que andan polo aire, aberta ou veladamente, e que fraco favor lle fan á sociedade.
Sobre a violencia exercida cara as mulleres tense dito e escrito moito, e de maneira moi lúcida (aínda que tamén moi torpe). Supoño que, coma en todas as ocasións, un só a acaba de comprender cando lle toca de preto ou a si mesmo.
Por fortuna, moitas actitudes xa van cambiando, aínda que sexa alarmante a actitude controladora da rapazada (grazas, en boa parte, aos mecanismos de control que poñen en bandexa as novas tecnoloxías, que ofrecen datos de xeolocalización espazotemporal que abraian).

Como curiosidade impactante, un test de que me falou un compañeiro. Chámase o test de Becheld e consta de tres simples preguntas. Pois ben. A resposta para esas preguntas tira uns datos arrepiantes sobre o cine que consome a maioría da poboación. Buscade información pola rede, habedes ver...

E agora deixo unha canción, que moito teño bailado, e sen saber inglés xa intuía que iso de ser o único, o único, o único non debía ser moita cousa. Parade algunha vez a reflexionar sobre as letras das cancións de amor romántico (xa non me vou meter na perrea nin demais). Son case peor ca as relacións dos debuxos disney. A palabra esposa e esposo para min tiña que borrarse do mapa, ou atarlle as pernas aos curas con elas.

Estes días empecei un curso de resolución de conflitos e habilidades comunicativas e descubrín un interesante poema, é da terapia Gestalt e paréceme moi atinado. Inclúoo tamén.

A canción.


 O poema (ou oración, ou como se lle queira chamar), na súa versión en castelán, de Fritz Perls.

Yo soy Yo.
Tú eres Tú.
Yo no estoy en este mundo para cumplir tus expectativas.
Tú no estás en este mundo para cumplir las mías.
Tú eres Tú.
Yo soy Yo.
Si en algún momento o en algún punto nos encontramos,
será maravilloso.
Si no, no puede remediarse.
Falto de amor a mí mismo,
cuando en el intento de complacerte me traiciono.
Falto de amor a ti,
cuando intento que seas como yo quiero,
en vez de aceptarte como realmente eres.
Tú eres Tú y Yo soy Yo.



23.11.13

O outono

Eu son máis de verán, a verdade. A min gústame almorzar nunha terraciña, que me dea o sol na cabeza, deitarme ao sol na area e bañarme no mar. Acabar o día cun humilde bocadillo de chourizo con queixo e unha cervexiña.
É cando eu digo o de que "bonita é a vida".
O resto do ano a min parece que me falta iodo, ou vitamina B ou o que queira que non proceso cando non me dá o sol na neurona.
Con todo, desde que chegaron as pequenas demoñiñas á nosa vida, tamén lle tiramos partido ao outono, e ao inverno, e á primavera... Acabouse o de "hoxe a estomballarse sen facer nada". Esa posibilidade é practicamente inviable, así que hai que levalo o mellor posible.
Hoxe xantamos cediño, puxemos as botas, os abrigos e os gorros e botámonos ao monte.

Poño o resultado da excursión. De vez en cando está mellor ca ben non ver as noticias na sobremesa. Haiche cousas máis interesantes que mirar e sen moverse moi lonxe da casa.

No monte hai moitos fentos, carrizas e follas,
A bolsa dos tesouros: pinas, follas... 

Muíño

Fungos e cogomelos

Pontes sobre o río

As castañas nos ourizos

Herba gateira, que ben ole!

O río ao paso por Tapia

O río por Tapia



Caretas de súper-follas

Soprando o mexacán
Caretas de follas divertidas

As cores do outono polo río

19.11.13

Nas aulas desde o outro lado

Supoño que cando un está dun lado ve os feitos dunha maneira, e cando está do outro, veos doutra, cando menos, diferente.
Está ben como exercicio, para facerche reflexionar e todo iso.
Polo resto, exasperar creo que non é o verbo preciso que poida definir o estado que se infunde.

Ao comezo pensei: son eu, como eu son así, penso que o mundo debe ser coma min. O que lle chaman visión etnocentrista dun asunto.

Pero non, xa atopei moitas máis persoas que están de acordo coa miña visión do tema.

Estou facendo un ciclo, e xa vou dar datos porque como non digo mentira, xa tanto me ten. É un ciclo superior na modalidade "semipresencial".
Para non informados, son estudos superiores, para maiores de 25 anos.

Quizais as miñas espectativas eran altas, non o nego, afeita a plataformas interesantes de estudo, a cursos preparados especificamente para seren abordados en liña, coa miña bagaxe de formación en formadores a distancia... en fin, cen mil cousas.

Pero non. É preguiza, coma a de toda a vida, ou mal enfoque, mala formación, desinterese ou desidia. En calquera dos seus estados e/ou manifestacións.

O temario é ruín cheo de erros de contido, de redacción e xa indo ao máis básico, de ortografía e gramática. Nalgúns casos dá ata dor ter que lelos, xa non falo do deseño e da estrutura da materia: mesma foto que non vén a nada páxina tras páxina, parágrafos sen sentido ningún, epígrafes cortadas, repeticións exactas, anuncio de temas que nunca chegan... Son inconcibibles e inconcibiblemente financiados polo Ministerio de educación (supoño que os fixo Gamendio coas cachas e os maquetou Wert cos forúnculos dos seus interiores), xa sei, pásome e acabo por perder a razón e o fío, pero é que son por demais, asegúrovolo.
O sistema de estudo é de pantalla a pantalla (si, un moderno powerpoint tamén sen xeito nin guía).

Supostamente a comunicación faise a través de foros. Pero o feedback só se dá cun par de profes, dos que si se conectan nas horas acordadas, responden a correos e foros e que parecen mostrarse receptivos cando algún alumno se comunica con eles.

O resto é penoso. Non responde correos, non responde foros e cando o fai é de maneira atrapallada, con escusas torpes e un longo tren de trapalladas que se lle poderían botar enriba (coma un carretillo de esterco). Non hai seriedade, esa é a conclusión. O seu desinterese é tan manifesto que se contaxia.

Eu quero supoñer que a situación se deu como segue: docente que imparte fp de toda a vida, aulas presenciais, con nivel de interese e de esixencia básico vese na tesitura de ter que impartir un fp en liña sen ter formación, sen ter ferramentas, e cuns discentes aos que non están afeitos en absoluto.
Resposta: facémolo, pero ao noso xeito. Se alguén quere algo, que se presente pola porta do centro ou é coma se non existise.

Aquí a media de corrixir un exercicio excede o mes sen problema ningún (non sei exactamente o número de exercicios que poden acumular, pero así a ollo calculo que moi excesivo non é, dado que as correccións se limitan a "está aprobado" ou "está suspenso", sen especificar máis -algún hai que se desmarca, teño que dicilo tamén). Isto nun ciclo coma o de compañeiros que están facendo ciclos técnicos coma electricidade é aínda máis escandaloso.
Aos exames adóitase ir a cegas, sen saber se as prácticas enviadas están ben ou están mal.

E polo que che advirten os propios compañeiros "mellor non protestar, que as represalias enseguida se manifestan" (isto xa me parece a hostia en verso, dito extraoficialmente por compañeiros docentes doutros, o do "corporativismo" neste caso é o seguinte a infranormal).

Como resultado, o que é penosísimo: profesores e profesoras descontentos, mal agusto, en trance durante 10 meses esperando que todo pase axiña envoltos nun laissez faire que-para-iso-están-os-titoriais-de-américa-latina, o alumnado resignado a que non vai aprender, pero se está caladiño e vai cumprindo coas probas chorras e pasando os exames parciais, igual ata obtén un título co que engordar a carpeta e no medio, moitos outros que o facemos por interese máis alá do laboral, endemoñados nos foros, prendendo lumes estériles e pensando en se de verdade así están as cousas (????).

Gustaríame saber como de contentos estarían se eu actuase coa súa marabillosa actitude a prole do traballo se os seus fillos e fillas fosen alumnos meus e lles entregase o traballo das cantigas  de amigo en chegando a Manuel Rivas, e lles dixese que todo o que interesa está nos titoriais do mundo, mentres eu raño a barriga mirando o mar...

En fin. Así as cousas. A ver en que acaba. Oxalá me tivese que retractar na segunda avaliación...

15.11.13

UNHA MÁIS

Onte quixen escribir algo sobre a sentenza do Prestige. A verdade é que non me saían moito as palabras.
Creo que foi a primeira vez que chorei ao chegar a unha praia. Nunca tal me acontecera.
Do resto, ata as novas xeracións saben o que pasou, non hai falta de afondar máis.

Pregúntome que estarán pensando os milleiros de voluntarios que baixaban ás praias todos os días.
Os mariñeiros que sacaban o chapapote coas súas mans e cos seus aparellos.
Os rapaces que vían as caras de circunstancias na casa, hoxe xa homes e mulleres feitos, probablemente.

En la tele nos llaman pescadores, como si saliéramos con la caña de vez en cuando, y somos marineros, vivimos del mar todos los días.

A min, persoalmente dóeme. E nada do que poida dicir poderá achegarse nin sequera unha miga ao que sinto de verdade, e no que procuro non pensar demasiado.

Deixo un par de ligazóns, de entre as moitas que lin e coas que coincido:

http://centeas.com/2013/11/13/agudeza-visual-ii/

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/11/13/galicia/1384374069_244172.html

E deixo unha fotiño que un amigo me enviou. É daquela histórica manifestación en Madrid, á que viaxaramos un grupo de xente vinculados á universidade de Compostela, de noite, en bus, só para percorrer as rúas da "capital" berrando a nosa indignación por sermos tan menosprezados a ollos vista. Os dedos da vitoria eran uns dedos da inexperiencia, da ignorancia de non saber que no mundo non sempre vencen os bos, nin as causas xustas.

Hai once anos disto, cando aínda non había cámaras dixitais. Non están na foto todos cantos alí estabamos, e a algunha xente coñecina nesa circunstancia.

E aínda alguén se amarrará a pensar que grazas ao Prestige, forxáronse amizades duradeiras, amores que chegaron a bo porto e a fermosura de Galicia se deu a coñecer no mundo enteiro.
Pero isto pénsoo eu, porque son unha malpensada de carallo e medio.

11.11.13

Coqueta e putería

Ás veces por enredar póñome a buscar palabras no dicionario.
Si, eu son desas que sempre aprende os tacos dun idioma antes ca as cousas serias, que busca estupideces na wikipedia e nos foros e outras humanidades que fan que nunca se me acaben os temas de conversa cando hai que romper tensións nun lugar.
É un recurso coma outro calquera (procurade se non "branqueamento anal" e lede os comentarios dos foros que seguen os artigos, é para morrer de risa non, o seguinte a iso).
Deste xeito tamén sei que o dicionario da RAE xa acepta almóndiga e murciégalo e que está a un paso da cocreta e da alzombra, así que xa non poderei poñelo de exemplo de fala vulgar, terei que buscar outros exemplos para que me dean support.
O caso, o dicionario da RAG écheme fonte inesgotable exemplos pouco acaídos, xa teño colgado algunha entrada neste blog.

Onte remexendo polo dicionario, a conta das familias léxicas e tal fun dar no carallo e na putería e así atopei a magnífica exemplificación de PUTERÍA:

substantivo feminino 
1 Condición de prostituta 
Era coqueta dun xeito que raiaba na putaría 
2 Oficio de prostituta 
A mala fortuna levouna ao oficio da putaría

E pensei eu na miña ignorancia filolóxica: el que terá que ver o de coqueta co de puta? e fun á acepción, non fora ser que houbese algunha que me escapaba. Velaí:

adxectivo 
1 [Persoa] que coida moito o arranxo persoal 
É moi coqueta, só pensa nos vestidos e nas modas 
2 [Persoa] que intenta espertar sentimentos amorosos nos demais, ás veces por divertimento 
Sorría coqueto en canto tiña unha moza cerca

Volvín ao enunciado, porque seguía sen ter claro cal das dúas acepcións de "coqueto" raiaba na "putería"...
Se pintarse coma tal.
Ou andar quentando o persoal.

Eu, se queren, a un prezo módico. Fágolles de editora de contidos... e vou emendando así as máis escandalosas...

(e eu que estaba pensando en pedirlle aos Reis uns básicos para as enrugas que comezan a asomar..., non vaia ser que da potingada a vender o meu corpo haxa unha liña tan delgada!)

8.11.13

É isso aí...

Hoxe é venres, así que non vou afondar moito en nada.
Desencantada co curso, que por veces me parece un malgasto de tempo e recursos sen sentido.
Desencantada coa política de vaidades e despropósitos.
Desencantada porque cando baixo cara á parada do bus, deceas de persoas están sentadas, cunha bolsiña discreta ao seu carón, esperando que alguén deixe algunha moeda sen miralos aos ollos, ou sen compadecerse de maneira moi aberta, ou non sei ben... faime o camiño máis sobrecolledor ca nunca nos últimos meses.
E máis cousas.
Tan persoais que non son para un blog.
Parece que a todo o mundo se lle complique a vida á vez. Non sei.
O caso. Deixo unha canción porque simplemente é fermosísima. Para deixarse levar por ela.
Feliz fin de semana. Que vostedes sexan felices.


7.11.13

Yo no sé nada, ya yo tan vieja...

Imos seguir coa música, porque, sen ser visionarios, os grandes artistas teñen unha sensibilidade especial para velo todo.

As grandisísimas irmás Márquez recuperan o seu bo facer nun disco (ano 2004), moitos anos despois das súas primeiras andainas e o youtube agasállannos cunha actuación.

Adoro a música cubana, e adoro ver nun escenario xente coma estas mulleres.

Aquí só subimos ao escenario maiores de 50 para seren testemuños do folclore os venres pola noite (e xa sabedes de que falo). O resto do tempo pasámolo encantados con mamarrachas semiespidas botando a lingua de fóra e refregando a entreperna coma se a tivese comesta de carrachas (e non é que me estea volvendo unha pureta, é que sei distinguir o mamarrachismo entre outras cousas ben distintas).

En fin, moito nos queda por aprender se quixésemos facelo.


Esta canción é a que deben levar no coche todos cantos pasean ultimamente da casa ao xulgado e do xulgado á casa... igual musicalmente sorprenden e todo!

6.11.13

Panis et circenses

Hoxe vou deixar unha canción que me encanta. O título é o mesmo que puxen na cabeceira, e o grupo é Os Mutantes.
Imaxino "essas pessoas na sala de jantar"..., o malo é que as imaxino.

Eu quis cantar
Minha canção iluminada de sol
Soltei os panos sobre os mastros no ar
Soltei os tigres e os leões nos quintais
Mas as pessoas na sala de jantar
São ocupadas em nascer e morrer
Mandei fazer
De puro aço luminoso um punhal
Para matar o meu amor e matei
Às cinco horas na avenida central
Mas as pessoas na sala de jantar
São ocupadas em nascer e morrer
Mandei plantar
Folhas de sonho no jardim do solar
As folhas sabem procurar pelo sol
E as raízes procurar, procurar
Mas as pessoas na sala de jantar
Essas pessoas na sala de jantar
São as pessoas da sala de jantar
Mas as pessoas na sala de jantar
São ocupadas em nascer e morrer

2.11.13

A vida dos outros/das outras

Creo que xa contei que estaba estudando un ciclo superior, agora, a estas alturas da vida.
O caso é que aproveitei estes días de chuvia para revisar un pouco o temario e poñerme algo ao día cos exames e coas actividades que levo atrasadas non, o seguinte.
Estudar a estas alturas tiña que estar prohibido, o da titulite é un mal que só se debería sufrir cando aínda non che caeu a casca do cu, despois xa vas vendo que, en realidade, hai xente que vale, que se esforza ou que ten habelencia para desempeñar un determinado labor, encargo ou traballo e outra que non. E xa pode levar ao lombo os títulos que sexa.
Que che dá as ferramentas. De acordo.
Que te fornece de coñecemento. De acordo.
Que te capacita para a vida. Non.
Das miñas 5 humildes materias, sei que podo aprobar 4 sen pena nin gloria só con chapar un pouco, e se iso me capacita para desempeñar o traballo... mátame camión. Así que intentarei que non pasen por min sen pena nin gloria, para ser honrada e, se obteño, cos anos, o título, que este xustifique que me enchoupei de coñecementos durante o proceso de estudo.
Estou crítica, seino.
Pero é que tiñades que ver a clase de materiais que temos que "sufrir". Con só dicir que un exemplo de orador é o tal da selección española dándolle ao "camarero una de meeeero..."... En fin. O caso é que acabei por poñer un filtro no ordenador que me impedise participar nos foros de opinión das materias. Para ben ou para mal, couto o tema e perdo eses dous puntiños que che agasallan por non ser tímido e ser participativo e dinámico na distancia.
O meu dinamismo andaba a hostión limpo co meu sentido crítico e aos pobres arbitrábaos o señor Mátame Camión, e o número paseábao polo ring Miss DigoLoQuePienso...
e despois xa imos vendo...
Total, que ás tres ou catro intervencións, xa estaba empezando a gañar a "simpatía" dalgúns sectores...

Podería poñer exemplos a centos, pero case mellor pecho a boca, porque nunca se sabe :D

É coma cando intentei retomar estudos universitarios e o primeiro día da clase, alguén definiu, a viva voz, diante de compañeiros/as e docentes a Chomsky como "el pavo ese que hizo los estudios estos del tema de la lingüística esta"... ou algo similar, moi dun futuro filólogo (moderno, supoño, moi a favor dos demostrativos en diversas posicións). O caso, que pensei "cada cousa ao seu tempo, aquí xa non pintas nada, nena...". E aí quedou o tema.

Total, ao que ía co título. Que á parte das chorradas que temos que engulir, sempre se presentan casos que di ti, que eu son positiva e todo iso, pero que non dás crédito.
Non hai un que non comece limpando e que non acabe nun posto directivo. Viaxes polo mundo. Mil e unha experiencias laborais marabillosas...
Eu tamén quería o tal, mira ti.
Será que non teño máis mundo?
Pode ser, non vou dicir que non, pero quédame por coñecer a alguén que me diga: mira, empecei na merda e aos tres meses estaba de director de márketing...
Será que este non é país para oportunidades.
El será...

Pois iso. Vou seguir co meu, intentando que non se me atrofie o cerebelo.