Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

2.11.13

A vida dos outros/das outras

Creo que xa contei que estaba estudando un ciclo superior, agora, a estas alturas da vida.
O caso é que aproveitei estes días de chuvia para revisar un pouco o temario e poñerme algo ao día cos exames e coas actividades que levo atrasadas non, o seguinte.
Estudar a estas alturas tiña que estar prohibido, o da titulite é un mal que só se debería sufrir cando aínda non che caeu a casca do cu, despois xa vas vendo que, en realidade, hai xente que vale, que se esforza ou que ten habelencia para desempeñar un determinado labor, encargo ou traballo e outra que non. E xa pode levar ao lombo os títulos que sexa.
Que che dá as ferramentas. De acordo.
Que te fornece de coñecemento. De acordo.
Que te capacita para a vida. Non.
Das miñas 5 humildes materias, sei que podo aprobar 4 sen pena nin gloria só con chapar un pouco, e se iso me capacita para desempeñar o traballo... mátame camión. Así que intentarei que non pasen por min sen pena nin gloria, para ser honrada e, se obteño, cos anos, o título, que este xustifique que me enchoupei de coñecementos durante o proceso de estudo.
Estou crítica, seino.
Pero é que tiñades que ver a clase de materiais que temos que "sufrir". Con só dicir que un exemplo de orador é o tal da selección española dándolle ao "camarero una de meeeero..."... En fin. O caso é que acabei por poñer un filtro no ordenador que me impedise participar nos foros de opinión das materias. Para ben ou para mal, couto o tema e perdo eses dous puntiños que che agasallan por non ser tímido e ser participativo e dinámico na distancia.
O meu dinamismo andaba a hostión limpo co meu sentido crítico e aos pobres arbitrábaos o señor Mátame Camión, e o número paseábao polo ring Miss DigoLoQuePienso...
e despois xa imos vendo...
Total, que ás tres ou catro intervencións, xa estaba empezando a gañar a "simpatía" dalgúns sectores...

Podería poñer exemplos a centos, pero case mellor pecho a boca, porque nunca se sabe :D

É coma cando intentei retomar estudos universitarios e o primeiro día da clase, alguén definiu, a viva voz, diante de compañeiros/as e docentes a Chomsky como "el pavo ese que hizo los estudios estos del tema de la lingüística esta"... ou algo similar, moi dun futuro filólogo (moderno, supoño, moi a favor dos demostrativos en diversas posicións). O caso, que pensei "cada cousa ao seu tempo, aquí xa non pintas nada, nena...". E aí quedou o tema.

Total, ao que ía co título. Que á parte das chorradas que temos que engulir, sempre se presentan casos que di ti, que eu son positiva e todo iso, pero que non dás crédito.
Non hai un que non comece limpando e que non acabe nun posto directivo. Viaxes polo mundo. Mil e unha experiencias laborais marabillosas...
Eu tamén quería o tal, mira ti.
Será que non teño máis mundo?
Pode ser, non vou dicir que non, pero quédame por coñecer a alguén que me diga: mira, empecei na merda e aos tres meses estaba de director de márketing...
Será que este non é país para oportunidades.
El será...

Pois iso. Vou seguir co meu, intentando que non se me atrofie o cerebelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...