Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

11.11.13

Coqueta e putería

Ás veces por enredar póñome a buscar palabras no dicionario.
Si, eu son desas que sempre aprende os tacos dun idioma antes ca as cousas serias, que busca estupideces na wikipedia e nos foros e outras humanidades que fan que nunca se me acaben os temas de conversa cando hai que romper tensións nun lugar.
É un recurso coma outro calquera (procurade se non "branqueamento anal" e lede os comentarios dos foros que seguen os artigos, é para morrer de risa non, o seguinte a iso).
Deste xeito tamén sei que o dicionario da RAE xa acepta almóndiga e murciégalo e que está a un paso da cocreta e da alzombra, así que xa non poderei poñelo de exemplo de fala vulgar, terei que buscar outros exemplos para que me dean support.
O caso, o dicionario da RAG écheme fonte inesgotable exemplos pouco acaídos, xa teño colgado algunha entrada neste blog.

Onte remexendo polo dicionario, a conta das familias léxicas e tal fun dar no carallo e na putería e así atopei a magnífica exemplificación de PUTERÍA:

substantivo feminino 
1 Condición de prostituta 
Era coqueta dun xeito que raiaba na putaría 
2 Oficio de prostituta 
A mala fortuna levouna ao oficio da putaría

E pensei eu na miña ignorancia filolóxica: el que terá que ver o de coqueta co de puta? e fun á acepción, non fora ser que houbese algunha que me escapaba. Velaí:

adxectivo 
1 [Persoa] que coida moito o arranxo persoal 
É moi coqueta, só pensa nos vestidos e nas modas 
2 [Persoa] que intenta espertar sentimentos amorosos nos demais, ás veces por divertimento 
Sorría coqueto en canto tiña unha moza cerca

Volvín ao enunciado, porque seguía sen ter claro cal das dúas acepcións de "coqueto" raiaba na "putería"...
Se pintarse coma tal.
Ou andar quentando o persoal.

Eu, se queren, a un prezo módico. Fágolles de editora de contidos... e vou emendando así as máis escandalosas...

(e eu que estaba pensando en pedirlle aos Reis uns básicos para as enrugas que comezan a asomar..., non vaia ser que da potingada a vender o meu corpo haxa unha liña tan delgada!)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...