Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

19.11.13

Nas aulas desde o outro lado

Supoño que cando un está dun lado ve os feitos dunha maneira, e cando está do outro, veos doutra, cando menos, diferente.
Está ben como exercicio, para facerche reflexionar e todo iso.
Polo resto, exasperar creo que non é o verbo preciso que poida definir o estado que se infunde.

Ao comezo pensei: son eu, como eu son así, penso que o mundo debe ser coma min. O que lle chaman visión etnocentrista dun asunto.

Pero non, xa atopei moitas máis persoas que están de acordo coa miña visión do tema.

Estou facendo un ciclo, e xa vou dar datos porque como non digo mentira, xa tanto me ten. É un ciclo superior na modalidade "semipresencial".
Para non informados, son estudos superiores, para maiores de 25 anos.

Quizais as miñas espectativas eran altas, non o nego, afeita a plataformas interesantes de estudo, a cursos preparados especificamente para seren abordados en liña, coa miña bagaxe de formación en formadores a distancia... en fin, cen mil cousas.

Pero non. É preguiza, coma a de toda a vida, ou mal enfoque, mala formación, desinterese ou desidia. En calquera dos seus estados e/ou manifestacións.

O temario é ruín cheo de erros de contido, de redacción e xa indo ao máis básico, de ortografía e gramática. Nalgúns casos dá ata dor ter que lelos, xa non falo do deseño e da estrutura da materia: mesma foto que non vén a nada páxina tras páxina, parágrafos sen sentido ningún, epígrafes cortadas, repeticións exactas, anuncio de temas que nunca chegan... Son inconcibibles e inconcibiblemente financiados polo Ministerio de educación (supoño que os fixo Gamendio coas cachas e os maquetou Wert cos forúnculos dos seus interiores), xa sei, pásome e acabo por perder a razón e o fío, pero é que son por demais, asegúrovolo.
O sistema de estudo é de pantalla a pantalla (si, un moderno powerpoint tamén sen xeito nin guía).

Supostamente a comunicación faise a través de foros. Pero o feedback só se dá cun par de profes, dos que si se conectan nas horas acordadas, responden a correos e foros e que parecen mostrarse receptivos cando algún alumno se comunica con eles.

O resto é penoso. Non responde correos, non responde foros e cando o fai é de maneira atrapallada, con escusas torpes e un longo tren de trapalladas que se lle poderían botar enriba (coma un carretillo de esterco). Non hai seriedade, esa é a conclusión. O seu desinterese é tan manifesto que se contaxia.

Eu quero supoñer que a situación se deu como segue: docente que imparte fp de toda a vida, aulas presenciais, con nivel de interese e de esixencia básico vese na tesitura de ter que impartir un fp en liña sen ter formación, sen ter ferramentas, e cuns discentes aos que non están afeitos en absoluto.
Resposta: facémolo, pero ao noso xeito. Se alguén quere algo, que se presente pola porta do centro ou é coma se non existise.

Aquí a media de corrixir un exercicio excede o mes sen problema ningún (non sei exactamente o número de exercicios que poden acumular, pero así a ollo calculo que moi excesivo non é, dado que as correccións se limitan a "está aprobado" ou "está suspenso", sen especificar máis -algún hai que se desmarca, teño que dicilo tamén). Isto nun ciclo coma o de compañeiros que están facendo ciclos técnicos coma electricidade é aínda máis escandaloso.
Aos exames adóitase ir a cegas, sen saber se as prácticas enviadas están ben ou están mal.

E polo que che advirten os propios compañeiros "mellor non protestar, que as represalias enseguida se manifestan" (isto xa me parece a hostia en verso, dito extraoficialmente por compañeiros docentes doutros, o do "corporativismo" neste caso é o seguinte a infranormal).

Como resultado, o que é penosísimo: profesores e profesoras descontentos, mal agusto, en trance durante 10 meses esperando que todo pase axiña envoltos nun laissez faire que-para-iso-están-os-titoriais-de-américa-latina, o alumnado resignado a que non vai aprender, pero se está caladiño e vai cumprindo coas probas chorras e pasando os exames parciais, igual ata obtén un título co que engordar a carpeta e no medio, moitos outros que o facemos por interese máis alá do laboral, endemoñados nos foros, prendendo lumes estériles e pensando en se de verdade así están as cousas (????).

Gustaríame saber como de contentos estarían se eu actuase coa súa marabillosa actitude a prole do traballo se os seus fillos e fillas fosen alumnos meus e lles entregase o traballo das cantigas  de amigo en chegando a Manuel Rivas, e lles dixese que todo o que interesa está nos titoriais do mundo, mentres eu raño a barriga mirando o mar...

En fin. Así as cousas. A ver en que acaba. Oxalá me tivese que retractar na segunda avaliación...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...