Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

15.11.13

UNHA MÁIS

Onte quixen escribir algo sobre a sentenza do Prestige. A verdade é que non me saían moito as palabras.
Creo que foi a primeira vez que chorei ao chegar a unha praia. Nunca tal me acontecera.
Do resto, ata as novas xeracións saben o que pasou, non hai falta de afondar máis.

Pregúntome que estarán pensando os milleiros de voluntarios que baixaban ás praias todos os días.
Os mariñeiros que sacaban o chapapote coas súas mans e cos seus aparellos.
Os rapaces que vían as caras de circunstancias na casa, hoxe xa homes e mulleres feitos, probablemente.

En la tele nos llaman pescadores, como si saliéramos con la caña de vez en cuando, y somos marineros, vivimos del mar todos los días.

A min, persoalmente dóeme. E nada do que poida dicir poderá achegarse nin sequera unha miga ao que sinto de verdade, e no que procuro non pensar demasiado.

Deixo un par de ligazóns, de entre as moitas que lin e coas que coincido:

http://centeas.com/2013/11/13/agudeza-visual-ii/

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/11/13/galicia/1384374069_244172.html

E deixo unha fotiño que un amigo me enviou. É daquela histórica manifestación en Madrid, á que viaxaramos un grupo de xente vinculados á universidade de Compostela, de noite, en bus, só para percorrer as rúas da "capital" berrando a nosa indignación por sermos tan menosprezados a ollos vista. Os dedos da vitoria eran uns dedos da inexperiencia, da ignorancia de non saber que no mundo non sempre vencen os bos, nin as causas xustas.

Hai once anos disto, cando aínda non había cámaras dixitais. Non están na foto todos cantos alí estabamos, e a algunha xente coñecina nesa circunstancia.

E aínda alguén se amarrará a pensar que grazas ao Prestige, forxáronse amizades duradeiras, amores que chegaron a bo porto e a fermosura de Galicia se deu a coñecer no mundo enteiro.
Pero isto pénsoo eu, porque son unha malpensada de carallo e medio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...