Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.12.13

A PAREDE

Este é un bolero, fala de (des)amor, pero en realidade, cada canción encerra un símbolo. É coma a poesía. Pois a parede como símbolo da incomprensión, do que nos separa irremediablemente.
Que as paredes non sexan inxustas, nin fonte de infelicidade.
A que interpreta a canción é Ileana, unha das de Calle 13. Encántame o vozarrón desta rapaza.
Gocen da canción e de Ileana.


Pretensións para o 2014

Así, sen reflexionalo, coma na psicoloxía moderna. Velaí van as miñas pretensións para o 2014.

1. Contar ata tres para darme marxe a pensar antes de responder cando sei que se non o fago vou entrar nun camiño do que despois sei que vou querer saír porque o sei xa de antemán.
2. Vou intentar non deixarme levar polo que non vai nada comigo (centros comerciais, ir á última moda, a onde vas tolo, a onde van todos, a ver quen ten máis, quen é máis, quen sobe máis, quen gasta máis...), pero vou tratar de dar certa marxe. Nunca quixera ir polo camiño do cinismo, pero ás veces hai que ir si ou si. Este consello deumo unha sabia que diso sabe moito.
3. Só vou entrar en discusións sobre lingua e cultura e política con persoas que me poden achegar algo, sexa o simple pracer de discutir amablemente e intelixentemente, ou facerme ver o que eu non vexo. Non volvo explicar a romanización e os reis católicos, a ditadura, o papanatismo da dereita, as liberdades individuais, colectivas, o ben común e as manifestacións a prole de restar no canto de sumar e toda a sociolingüística resumida por máis que me azucen ou me vexa nesas disquisicións.
(Para conseguir este obxectivo terei que levar algún dispositivo moderno que me solte cambras nas cachas cada vez que me sinta na obriga de intervir e vaia facelo)
4. Non vou satisfacer a ninguén innecesariamente se non sinto que me paga a pena e me fai sentir ben. Aquí cada can que lamba... pois iso!
5. Cando escoite aquilo que non debín escoitar porque atenta contra a miña autoestima vou facer coma que non. En realidade, non te destroza quen quere, senón quen lle deixas. Isto pode parecer unha declaración de intencións dun libro ruín de autoaxuda, pero é o que hai. Cando ao teu carón dous falan de como poden invisibilizarte nun lugar se cada día se lles pon máis difícil, o mellor é pensar que o fan porque tes valor, e non porque non o tes.
6. Comprométome a estudar. Con esforzo. Sen enfangarme na mala praxe, sen submisión nin con deixadez, pero sen facer ferver a cabeza, os foros e os ánimos. Se un non é responsable no seu traballo, logo de tantos anos de exercicio, non vou ser eu quen os faga cambiar, por moitos toques de atención que dea (que seguirei dando, non vou operar o cerebelo, desde logo), pero intentarei outras canles máis discretas e que me desgasten menos.
7. A indefensión perante a administración, por un caso que contei xa aquí, por veces quítame o sono. Doume este ano para mover o que teña que mover, así teña que perder moitas mañás tocando a zambomba. Cada vez préstame menos que me tomen por parva, ou que me timen así á cara.
8. Intentarei escribir algunha cousa. Algo intentarei, por todas as razóns que xa dixen. Ao final, rosmas, rosmas e só te convertes nun peso morto máis. O activismo non é só falar co cu sentado nun lugar cómodo. Se moitas lecturas me parecen unha merda, vou ver se podo facer eu unha merda mellor. Que probablemente non.
9. Coma sempre. Intentarei facer todo o posible por ver/estar/gozar dos amigos e das amigas. Cada día véxoos máis sabios, máis sabias e as nosas sobremesas alónganse tantas horas sen nos decatar de que pasa o tempo que é marabilloso. Encántame ese grupo heteroxéneo de persoas intelixentes, positivas e saudables que conseguín manter no corazón e na vida. Por máis anos que pasen e por máis circunstancias que nos separen e nos xunten.
10. Tratarei de botarlle unha mirada máis positiva a todo. Este ano o pesimismo cundiu, como non, e por veces o pozo era máis pozo do que é en realidade. Se hai que darlle unha volta ao tema, irse fóra, mudar de espazo... pois hai que collela como veña.
11. O meu firme compromiso de seguir sendo Formal, Responsable e Leal coa xente que non merece menos pola miña parte.

E polo demais, só que me deixe o 2014 máis paciencia, para non deixar que as pequenas parvoíces lle resten nin unha miga de felicidade a todo canto teño, que é o máximo ao que podería aspirar.

Como digo tantas veces. En esencia, que felicidade!!

Que o 2014 vos poña un sorriso dos de verdade cada un dos seus 365 días!

23.12.13

Ano vello, con ben vaias, ano novo, con ben veñas...

Sempre é inevitable, cando está a piques de pecharse un ano, un ciclo ou un período calquera, que botes unha miguiña a vista atrás e fagas unha recompilación, cativiña, cativiña, que un ten que pensar sempre que o mellor é o que está por vir, pero que che sirva para avaliar algunhas cousas.
O ano que pasou foi complicado en moitos aspectos, pero xeneroso en moitos outros, así que non podo, nin debo, queixarme.
Así groso modo destaca o difícil que se puxo o tema do traballo, as decisións que houbo que tomar, ter que deixar de ser tradutora logo de tantos anos séndoo case ininterrompidamente, o peche das empresas coas que fun traballando e que fun coñecendo tanto polo miúdo que xa eran unha parte pequeniña de min. As cartas de despedida de moitas delas rompíanche o corazón, pola humildade que destilaban nas súas palabras e pola resignación coa que afrontan un futuro no que non queren enganar a ninguén, nin tirar para diante a custa de abusar ou explotar a ninguén. Dúas delas déronme especial mágoa, polo cariño e respecto co que sempre trataron os seus proxectos e as persoas que nos integrabamos neles. Só lles desexo que cheguen tempos mellores, é o único que me sae.
Polo resto, a miña vida tamén deu un xiro. Síntome afortunada a maioría do tempo. Outras veces sinto que é duro seguir sendo a periferia cando non debería ser así. Levándoo como mellor podo ou sei. Gañei nalgúns aspectos, gañei algúns momentos bos, algunhas persoas boas, algunhas satisfaccións pequeniñas que che axudan a medrar, a aprender e a avanzar, e tamén abrín os ollos ao que abunda máis na vida, e que non sempre podes evitar.
Agora estou firmemente convencida que a vida hai que ila collendo como vén, e ir indo, nin todas as decisións son as mellores, nin todas as peores. É así. Con cabeza, con responsabilidade e con toda a madureza de que se poida botar man, o resto, non sempre podemos controlalo.
Empecei de novo a estudar, ao comezo con desinterese e só por diversificar, despois con máis ilusión, e finalmente con rabia e mal humor, pola mala praxe que constatas a ollos vista acotío, polo desinterese que mostra o profesorado, pola chanchullada que percibes, polo mal enfoque co que se imparten as ensinanzas... un cúmulo de mal facer que se contaxia e se enquista se non o evitas. Non sei en mans de quen está, cando vas falar co titor e ves que é o capitán dos preguiceiros, o director é o xefe dos chamulleiros e o inspector o padriño da mafia educativa, con métodos pouco ortodoxos para solucionar os asuntos.
Pensei en deixalo. Non xogo nada, non o fago máis que por interese.
Pensei en montar unha tan gorda que se oíse en Roma. Pero non sei se podería nin soportalo, a verdade... Xa non teño 15 anos para que me dea igual perder as formas se teño que perdelas ou discutir o asunto con quen lle toque. Mediteino. En varias ocasións. Pero ao final, nunca sabes aínda o camiño que che queda por percorrer, e se eses que agora che producen úlcera acabarán sendo compañeiros teus (espero que non, a verdade, moito fel tería que tragar semanalmente)...
En fin. Seguirei dándolle unha marxe ao asunto. Véndoo como algo que posibilita ou facilita intentar outros estudos ou outras vías que quizais me satisfagan máis.
Do resto, todo ben.
Todo moi ben.
Os meus tres pelouros fanme ir durmir todos os días cun sorriso. Inda por riba de todas as salvidades coas que haxa que lidiar acotío, inda por riba de todas as trabas, as dores de cabeza, as contas... inda sobre todo iso, teño algo que non sei se merezo, pero do que desfruto coma se o merecese.
O 2014 traerá outro pequerrecho para a familia, que cada día é máis grande e máis divertida. Só desexo que veña con ben, enteiriño e espelido coma o seu irmán e os seus primos.
Eles son o futuro.
Feliz 2014, que a vostedes os trate como merecen!

20.12.13

La vie en rouge...

Chega o Nadal e parece que lle esperte o instinto da bondade a todo o mundo. Menos mal que eu xa son malpensada e non me cola. Acaba o tempo e morreu o conto. É así.
De todas as propostas, a única auténtica, por ser de carácter anual e porque vén ser a época que mellor cadra a todos, é a quedada cos amigos.
Cos pre-facultade e cos post-facultade.
Quero moito a uns e a outros, son o que me fai seguir crendo na bondade humana e na amizade desinteresada e verdadeira.
O resto de parafernalias para min son por demais. Se non me viches en todo o ano ou non fixeches por botarlle un conto comigo por algo é. Non hai máis que rabuñar no asunto.

Estes días as pequechas teñen varicela. Por unha banda foi un fastidio, claro, vémonos vendidos cada dous por tres, é o que ten vivir na illa, o seu bo e o seu malo... Por unha banda, dáme mágoa que non poidan aproveitar estes días de distensión no que se fan actividades fóra do cotián na escola (espectáculos, música, saídas...) por outra foi un pequeno alivio que non se enchouparan de nadal-nadal-nadal-nadal...
Que si, xa o sei, son rompeilusións... se os nenos pásano que-te-cagas poñendo purpurina, pintando niños-jesús e escribindo cartas aos reis para pedirlles a lúa... pode ser, eu non o recordo así.
A min a barbie de pés planos que me trouxeron un ano xa mo dixo todo: isto non pode ser real, os zapatos non lle encaixan.
Ostiá, nunca o pensara, cacho inversión do conto me fixo miña nai sen pretendelo (probablemente).
Eu quería unha barbie, si ou si, e unha amiga, que tiña miles delas, regalárame uns zapatos de barbie rosa fucsia por se ma traian os reis. Cando chegou a barbie (darling, para máis sinais) resulta que tiña uns pés planos coma dúas barras de pan... e os zapatos non encaixaban.
Agora caio.
E aí deixei de crer nos reis, e por suposto, informei as miñas irmás, para que non andasen traendo para a casa complementos que despois non lles ían ser útiles.
A vida éche así.
Así que o das ilusións neste caso, non sei, ilusión por querer acumular cousas e cousas e cousas... En fin... É que... En fin...
Total, que ao final veunos guai, xa nos chegou esa tolemia por querer poñer unha árbore, facer estrelas de purpurina...
Cada vez que entramos no súper botan media hora adorando os adornos horteras que hai en cada curruncho, que calquera día electrocútaselles un repoñedor e non a contan. Aínda non saben as pobres o que é a suxestión e o machaque da publicidade directa ou indirecta...

O caso. Acabei o meu trimestre e non teño queixa das notas. Do outro teño queixas coma para encher un libro ou dous, pero agardarei e irei vendo. Volver á "escola" co sabido-sabido é moi duro, e ves que choca a realidade constantemente. É unha pena porque eu podo ser crítica, pero rapaces e rapazas que van saír ao mercado laboral, lévano cru de verdade.

As pelourochas tamén acabaron o seu, e os traballiños do trimestre chegaron á casa. Eu pártome moitísimo. O caderno dunha é todo de colorinchos, petado a máis non poder. O da outra é tan rosa que podería valer perfectamente para envolver os chicles de amorodo.

Cando acabamos de miralos entre todos, elas ían acordándose de que día o fixeron, con quen, quen estaba na súa mesa, se o pasaron ben ou non... pregúntolle: chica, pero ti, só che vai a man para o rosa ou é que non hai outra cor na túa mesa?
"Mami, é que me cuta moito o dosa"
Mulleriña, pero tes que intentar probar outras cores que tamén che poden gustar, que tamén son bonitas, non todas as cousas do mundo son rosas, aquí hai unha ra rosa, unha cabaza rosa, unha nena rosa, unha folla rosa, unha nube rosa, unha árbore rosa, unha chuvia rosa... isto é un mundo monocromático ben aburrido!
"vale mami, vou intentar pintar con outa cor, pedo o dosa é o pefedido!"

Creo que o trato vai durar menos ca o que fai cando se compromete a deixar todo recollido.

Pola noite, volvín sobre o tema das cores, da diversidade, dos amigos, do bonito que é probar cousas novas, falar con xente nova, xogar con xente nova...


Ainssssssss, isto éche máis complicado do que parece. Cando che din que prefiren non ir ao cole porque lles pegan, as rabuñan, lles tiran do pelo, as empurran... hahaahahaha, ou menten, ou teñen un imán para levalas.

Velaí que a vida non é rosa, ¿non teñen mellor constatación? A amiga á que lle levan un gomet especial con toda a ilusión, escollido con todo o amor, ao collelo tírallo ao chan e pégalle, e dille que non quere ser a súa amiga...

Colles aire, gardas o que pensas para ti e confirmas que a vida, rosa, rosa, rosa non é. E animas a que, se cren que esa nena merece a pena, leven gomets cando queiran para ela aínda que os tire e lles diga esas cousas feas.

(eu leváballe outra cousa, pero eu non podo levar nada, porque intúo que non, que non paga a pena, polo menos por agora...)

11.12.13

El grillo y o grilo se queren casar, quieren chinchimony para merendar...

Hoxe levei un hostión destes que che dá a vida ás veces co que nin contas. Os que me coñecen ben saben que vou ser sincera e que me tira dun pé que me acusen de fundamentalista, porque non o son, nin me vou xustificar porque non teño porqué nin hai necesidade.
A nena e o grilo. Así mesmo. Hai só dous cedés de música infantil que viaxan no coche, e falei varias veces deles. Tamén falei de Magín Blanco e da súa música e do agrado co que o acollo inda a pesar da súa pouca destreza coa lingua (que coida, desde logo, bastante pouco, e agora xa me quento a tope porque non merece menos, falo desde o rancor aberto).
O caso é que así de casualidade estaba pensando en ir buscarlle o Mamá Cabra ao meu afillado para o Nadal, pero digo, veña, voulle regalar a nena e o grilo no barquiño, e deixamos o tema da cabra para outra ocasión, que todo non se pode.
E OH-SURPRISE, a carón do galego o castelán.
La niña y el grillo en un barquito.

E eu avogando por Magín, se ata alguén que coñezo lle pintou a carátula do disco homenaxe, e eu alentei o tema enormemente enorgullecida a tope por tocar de esguello lonxano un pouquiño da cultura musical de Magín (malachispamecomamalachispametrague).

O caso foi que me deu o subidón de maledicencias por ver esa difusión do disco en ambas as linguas, un a carón do outro, nun bilingüismo harmónico da era fraguicida...

Alacarallo, un triunfomáisparaosdodiscursorancioso... deille a volta por se a editorial esta gatopedro ou como conasechame poñía por detrás gatopedro glorialagoproductions... por se era o caso que os de galicia bilingüe montaran unha produtora.

Pero vai ser que non. Vai ser de novo que "money is money" e a patria xa se irá facendo soa...

Próximo disco: por el río abajo va, una trucha de pié, corre que te corre quién te la pudiera coger...

Por se o popular aínda é o único resquicio para as aulas de infantil, por se acaso...

E ía poñer a portada, pero dáme tanta carraxe, que só de vela sóbeme a bilirrubina...

(conste que estou a favor da tradución, non vou ser tan ignorante, desde logo, pero comercialízao noutra parte, chico, ten un pouco de sensibilidade)

Morra o conto. E fuck you grillo, niña y barquito, todo junto y remegido!

10.12.13

Tonta, buena e follón montado

As miñas pelouras xa lle chaman "tonta" á xente.
Hoxe funas buscar a un "gardanenos" onde por forza as tivemos que deixar estes días e despedíronse dos compañeiros cun grandísimo CHAO TONTA E CHAO TONTO!
Xa sei, están empezando, pero nese momento deume a gana de sacar o nanax e refregarlle a boca, tal como nos ameazaban a nós.
Expliquei que a xente se sente mal cando lle din cousas como tonto, estúpido, parvo, inútil e outras lindezas que  están aprendendo a un ritmazo que nin a samba brasileira.
En cambio, hai outras que deberiamos ter sempre na boca, como amigo, bo, compañeiro, colega...
En fin, que despois de moitos POR QUE? pero POR QUEEE??, pois fulanito di tonto, citranito sempre di XXX...
Que difícil se me está poñendo isto, rediola.

Polo demais, moitos exames, moito estrés, moita incerteza, moito de todo e pouco de nada. Así como veña vindo. Ultimamente esa é a máxima: ir tirando como veña e solucionando cando toca. E xa é abondo.

Bejinhos a todos, cando haxa máis vagar, póñome a fondo, hai moitas cuestionciñas no tinteiro. E hoxe, a canción do día, que ten que ver con Mandela e co apartheid. O meu cativo tributo.




5.12.13

Estado de sitio...

De novo atopo un artigo que xa di todo o que penso neste momento. Cando teña máis vagar, afondo nalgunha cuestión máis.

http://blogs.publico.es/rosa-espinas/2013/12/04/la-ue-y-eeuu-nos-llaman-fascistas/?src=lmFn&pos=3

A ver se crecéndolles os ananos, acaban por autodestruírse... vóullelo pedir aos reis...