Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

23.12.13

Ano vello, con ben vaias, ano novo, con ben veñas...

Sempre é inevitable, cando está a piques de pecharse un ano, un ciclo ou un período calquera, que botes unha miguiña a vista atrás e fagas unha recompilación, cativiña, cativiña, que un ten que pensar sempre que o mellor é o que está por vir, pero que che sirva para avaliar algunhas cousas.
O ano que pasou foi complicado en moitos aspectos, pero xeneroso en moitos outros, así que non podo, nin debo, queixarme.
Así groso modo destaca o difícil que se puxo o tema do traballo, as decisións que houbo que tomar, ter que deixar de ser tradutora logo de tantos anos séndoo case ininterrompidamente, o peche das empresas coas que fun traballando e que fun coñecendo tanto polo miúdo que xa eran unha parte pequeniña de min. As cartas de despedida de moitas delas rompíanche o corazón, pola humildade que destilaban nas súas palabras e pola resignación coa que afrontan un futuro no que non queren enganar a ninguén, nin tirar para diante a custa de abusar ou explotar a ninguén. Dúas delas déronme especial mágoa, polo cariño e respecto co que sempre trataron os seus proxectos e as persoas que nos integrabamos neles. Só lles desexo que cheguen tempos mellores, é o único que me sae.
Polo resto, a miña vida tamén deu un xiro. Síntome afortunada a maioría do tempo. Outras veces sinto que é duro seguir sendo a periferia cando non debería ser así. Levándoo como mellor podo ou sei. Gañei nalgúns aspectos, gañei algúns momentos bos, algunhas persoas boas, algunhas satisfaccións pequeniñas que che axudan a medrar, a aprender e a avanzar, e tamén abrín os ollos ao que abunda máis na vida, e que non sempre podes evitar.
Agora estou firmemente convencida que a vida hai que ila collendo como vén, e ir indo, nin todas as decisións son as mellores, nin todas as peores. É así. Con cabeza, con responsabilidade e con toda a madureza de que se poida botar man, o resto, non sempre podemos controlalo.
Empecei de novo a estudar, ao comezo con desinterese e só por diversificar, despois con máis ilusión, e finalmente con rabia e mal humor, pola mala praxe que constatas a ollos vista acotío, polo desinterese que mostra o profesorado, pola chanchullada que percibes, polo mal enfoque co que se imparten as ensinanzas... un cúmulo de mal facer que se contaxia e se enquista se non o evitas. Non sei en mans de quen está, cando vas falar co titor e ves que é o capitán dos preguiceiros, o director é o xefe dos chamulleiros e o inspector o padriño da mafia educativa, con métodos pouco ortodoxos para solucionar os asuntos.
Pensei en deixalo. Non xogo nada, non o fago máis que por interese.
Pensei en montar unha tan gorda que se oíse en Roma. Pero non sei se podería nin soportalo, a verdade... Xa non teño 15 anos para que me dea igual perder as formas se teño que perdelas ou discutir o asunto con quen lle toque. Mediteino. En varias ocasións. Pero ao final, nunca sabes aínda o camiño que che queda por percorrer, e se eses que agora che producen úlcera acabarán sendo compañeiros teus (espero que non, a verdade, moito fel tería que tragar semanalmente)...
En fin. Seguirei dándolle unha marxe ao asunto. Véndoo como algo que posibilita ou facilita intentar outros estudos ou outras vías que quizais me satisfagan máis.
Do resto, todo ben.
Todo moi ben.
Os meus tres pelouros fanme ir durmir todos os días cun sorriso. Inda por riba de todas as salvidades coas que haxa que lidiar acotío, inda por riba de todas as trabas, as dores de cabeza, as contas... inda sobre todo iso, teño algo que non sei se merezo, pero do que desfruto coma se o merecese.
O 2014 traerá outro pequerrecho para a familia, que cada día é máis grande e máis divertida. Só desexo que veña con ben, enteiriño e espelido coma o seu irmán e os seus primos.
Eles son o futuro.
Feliz 2014, que a vostedes os trate como merecen!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...