Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

20.12.13

La vie en rouge...

Chega o Nadal e parece que lle esperte o instinto da bondade a todo o mundo. Menos mal que eu xa son malpensada e non me cola. Acaba o tempo e morreu o conto. É así.
De todas as propostas, a única auténtica, por ser de carácter anual e porque vén ser a época que mellor cadra a todos, é a quedada cos amigos.
Cos pre-facultade e cos post-facultade.
Quero moito a uns e a outros, son o que me fai seguir crendo na bondade humana e na amizade desinteresada e verdadeira.
O resto de parafernalias para min son por demais. Se non me viches en todo o ano ou non fixeches por botarlle un conto comigo por algo é. Non hai máis que rabuñar no asunto.

Estes días as pequechas teñen varicela. Por unha banda foi un fastidio, claro, vémonos vendidos cada dous por tres, é o que ten vivir na illa, o seu bo e o seu malo... Por unha banda, dáme mágoa que non poidan aproveitar estes días de distensión no que se fan actividades fóra do cotián na escola (espectáculos, música, saídas...) por outra foi un pequeno alivio que non se enchouparan de nadal-nadal-nadal-nadal...
Que si, xa o sei, son rompeilusións... se os nenos pásano que-te-cagas poñendo purpurina, pintando niños-jesús e escribindo cartas aos reis para pedirlles a lúa... pode ser, eu non o recordo así.
A min a barbie de pés planos que me trouxeron un ano xa mo dixo todo: isto non pode ser real, os zapatos non lle encaixan.
Ostiá, nunca o pensara, cacho inversión do conto me fixo miña nai sen pretendelo (probablemente).
Eu quería unha barbie, si ou si, e unha amiga, que tiña miles delas, regalárame uns zapatos de barbie rosa fucsia por se ma traian os reis. Cando chegou a barbie (darling, para máis sinais) resulta que tiña uns pés planos coma dúas barras de pan... e os zapatos non encaixaban.
Agora caio.
E aí deixei de crer nos reis, e por suposto, informei as miñas irmás, para que non andasen traendo para a casa complementos que despois non lles ían ser útiles.
A vida éche así.
Así que o das ilusións neste caso, non sei, ilusión por querer acumular cousas e cousas e cousas... En fin... É que... En fin...
Total, que ao final veunos guai, xa nos chegou esa tolemia por querer poñer unha árbore, facer estrelas de purpurina...
Cada vez que entramos no súper botan media hora adorando os adornos horteras que hai en cada curruncho, que calquera día electrocútaselles un repoñedor e non a contan. Aínda non saben as pobres o que é a suxestión e o machaque da publicidade directa ou indirecta...

O caso. Acabei o meu trimestre e non teño queixa das notas. Do outro teño queixas coma para encher un libro ou dous, pero agardarei e irei vendo. Volver á "escola" co sabido-sabido é moi duro, e ves que choca a realidade constantemente. É unha pena porque eu podo ser crítica, pero rapaces e rapazas que van saír ao mercado laboral, lévano cru de verdade.

As pelourochas tamén acabaron o seu, e os traballiños do trimestre chegaron á casa. Eu pártome moitísimo. O caderno dunha é todo de colorinchos, petado a máis non poder. O da outra é tan rosa que podería valer perfectamente para envolver os chicles de amorodo.

Cando acabamos de miralos entre todos, elas ían acordándose de que día o fixeron, con quen, quen estaba na súa mesa, se o pasaron ben ou non... pregúntolle: chica, pero ti, só che vai a man para o rosa ou é que non hai outra cor na túa mesa?
"Mami, é que me cuta moito o dosa"
Mulleriña, pero tes que intentar probar outras cores que tamén che poden gustar, que tamén son bonitas, non todas as cousas do mundo son rosas, aquí hai unha ra rosa, unha cabaza rosa, unha nena rosa, unha folla rosa, unha nube rosa, unha árbore rosa, unha chuvia rosa... isto é un mundo monocromático ben aburrido!
"vale mami, vou intentar pintar con outa cor, pedo o dosa é o pefedido!"

Creo que o trato vai durar menos ca o que fai cando se compromete a deixar todo recollido.

Pola noite, volvín sobre o tema das cores, da diversidade, dos amigos, do bonito que é probar cousas novas, falar con xente nova, xogar con xente nova...


Ainssssssss, isto éche máis complicado do que parece. Cando che din que prefiren non ir ao cole porque lles pegan, as rabuñan, lles tiran do pelo, as empurran... hahaahahaha, ou menten, ou teñen un imán para levalas.

Velaí que a vida non é rosa, ¿non teñen mellor constatación? A amiga á que lle levan un gomet especial con toda a ilusión, escollido con todo o amor, ao collelo tírallo ao chan e pégalle, e dille que non quere ser a súa amiga...

Colles aire, gardas o que pensas para ti e confirmas que a vida, rosa, rosa, rosa non é. E animas a que, se cren que esa nena merece a pena, leven gomets cando queiran para ela aínda que os tire e lles diga esas cousas feas.

(eu leváballe outra cousa, pero eu non podo levar nada, porque intúo que non, que non paga a pena, polo menos por agora...)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...